Un recoñecemento ao bo traballo feito nas aulas de cinco centros da cidade

Cinco centros educativos, catro públicos e un concertado, compartirán neste 2015 a mención de Ferrolán do Ano. O goberno dirixido por José Manuel Rey Varela quere recoñecer así o traballo desenvolvido por todos eles. No caso dos colexios San Xoán de Filgueira, Recimil e Manuel Masdías, “en homenaxe á súa dedicación en favor do alumnado procedente das minorías étnicas”; e ao IES Sofía Casanova e Compañía de María, “polo seu exemplo de esforzo e dedicación na formación de tantas xeracións de ferroláns”.
Todos eles recibirán mañá a distinción no decurso do acto que terá lugar no Teatro Jofre e que servirá, entre outras cousas, para facer visible máis alá das aulas o importante labor dos profesionais do ensino da cidade naval. Un traballo que, no caso de colexios como o Recimil, San Xoán de Filgueira ou o Manuel Masdías atopan na diversidade do seu alumnado unha oportunidade para a aprendizaxe de valores e o enriquecemento persoal tanto dos alumnos como dos profesores.
A convivencia entre diferentes etnias e culturas, lonxe de restar, suma, e así, convencidos desta máxima, é como se enfoca o traballo cotiá nestes tres centros, aos que, iso si, gustarialles dispór de maiores recursos para atender ás necesidades que se lles presentan cada novo curso. “Moitas veces non se conta con todo o apoio que se precisaría da administración educativa”, lamentan os directores. A pesar diso, continúan embarcándose en accións e propostas que contribúan a mellorar a calidade do ensino  e así, no curso actual, os tres están implicados nun proxeto europeo para abordar o tema da participación das familias nos propios colexios.
Xunto a eles, o CPR Compañía de María e o IES Sofía Casanova, serán recoñecidos mañá pola súa traxectoria, un percorrido académico iniciado hai 150 anos no primeiro dos casos e 50 no segundo. De feito, ámbolos dous celebraron ao longo do pasado ano e a través de variadas propostas os seus respectivos aniversarios. A efeméride serviu, entre outras cousas, para reunir a antigos alumnos e profesores.
Os cinco centros amosaron a súa ledicia pola distinción de Ferrolán do Ano.

Un recoñecemento ao bo traballo feito nas aulas de cinco centros da cidade

Te puede interesar