O parque fluvial do río Freixeiro acolle esta fin de semana unha nova edición do Mercado Medieval

O parque fluvial do río Freixeiro acolle esta fin de semana unha nova edición do Mercado Medieval
Antonio Rey, os concelleiros Pablo Villamar e Mar Gómez, e Ramón Rodríguez, presidente da AVV Altea

Narón acollerá esta fin de semana unha nova edición do Mercado Medieval da vila, que se celebrará como é costume no Parque fluvial do río Freixeiro.
A edil de Festas, Mar Gómez, presentou onte o evento, que comezará o venres día 13 a partir das 18.00 horas cunha ampla programación dirixida a todo tipo de públicos. A convocatoria continuará o sábado 14 e o domingo 15, tal e como destacou a edil, con actividades para todos os públicos en xornada de mañá e tarde. Ademais dos espectáculos que se sucederán durante a fin de semana, haberá un cento de postos instalados na zona, nos que se poderán adquirir produtos artesáns, alimentos, e obxectos de decoración, entre outros.
Gómez destacou que “cada ano centos de persoas acoden a esta cita, unha das máis características da tempada estival na cidade” e convidou á xente a achegarse a Freixeiro para poder gozar desta nova edición do Mercado Medieval organizado polo Concello.
A apertura do mercado na xornada do venres dará paso a unha serie de propostas como pasarrúas, a cargo da compañía Treefolk, personaxes fantásticos percorrendo a zona do mercado, que correrá pola conta de Humans no Limits, entre outros espectáculos que non deixarán indiferente aos visitantes.
Para a xornada do sábado e do domingo, entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 18.00 a 23.00 horas tamén se programaron unha gran variedade de propostas para divertir a todas aquelas persoas que se acheguen ao Mercado Medieval. Os pasarrúas de Treefolk, acrobacias e piruetas de Os Larbi, a visita de faunos ao mercado, personaxes que divertirán aos nenos e nenas, espectáculos de habilidade e pericia, trasgos, shows aéreos e outros de lume centrarán a programación da fin de semana en Freixeiro.
Ao mediodía poderase degustar unha gran variedade de produtos gastronómicos nos postos que se instalarán para a ocasión no Mercado Medieval, onde tampouco faltarán outros nos que se farán mostras de artesanía en vivo, recordando así antigos oficios como a talla de madeira, e incluso xogos tradicionais, nos que poderán participar tanto os cativos máis novos como as persoas de máis idade.

O parque fluvial do río Freixeiro acolle esta fin de semana unha nova edición do Mercado Medieval

Te puede interesar