“Cada día a oferta da FP é máis especializada e está máis vencellada á empresa”

“Cada día a oferta da FP é máis especializada e está máis vencellada á empresa”
manuel corredoira /

O vindeiro luns comezan as clases nos centros que imparten FP, unha modalidade formativa que medrou substancialmente nos últimos anos. Para o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, este crecemento débese ao “esforzo da administración pola mellora e difusión da oferta” e a que “quen a demanda valóraa como unha vía importante para achegarse ao emprego”. En época de crise, engade, “a xente ten máis tempo para formarse”.

Que novidades hai con respecto ao ano pasado?
Seguimos potenciando a FP incrementando a oferta case un 3% con respecto ao curso anterior –778 prazas en total– e estamos nun nivel de saturación importante en relación coa capacidade dos centros. Fixéronse dous novos en Lugo e Ourense  e nos de Ferrol que se converteron en CIPF hai dous anos estamos asentando a oferta. No Ferrolterra incorporamos este ano a formación a distancia e tamén un viveiro de empresas que xa o ten o Rodolfo Ucha. É importante fomentar o emprendemento na FP e axudar, desde o punto de vista loxístico ou de asesoramento, a quen queira poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial.

Normalmente son os centros os que solicitan implantar un novo ciclo ou esa proposta parte da Consellería?
Os procesos de toma de decisións no referido á oferta de FP teñen dúas direccións; unha, os estudos que se fan desde a Consellería, e outra, as peticións que se realizan desde os centros porque son os que coñecen polo miúdo as súas circunstancias concretas. Temos que pensar que a FP xa está bastante adaptada ao mercado produtivo, cando menos a do sistema educativo, pois é unha formación de carácter amplo que permite, dentro dunha certa especialidade, optar a un abano importante de profesións e postos de traballo. Non son cursiños de tres meses, senón formación de dous anos. Ademais dos centros, estamos en contacto cos empresarios e os axentes sociais en xeral e con todos estes fluxos de información faise a oferta, tendo en conta sempre as características da zona e as posibilidades que temos de implantala nos centros existentes: tipo de instalacións, profesorado especializado, etc.

Pode avanzar algo do curso 2014/2015?
Aínda é cedo porque estamos poñendo en marcha este curso, pero si é certo que o desenvolvemento desa zona require seguramente un esforzo de imaxinación por parte da Administración para respostar a estes perfís novos que poidan ir xurdindo, e nese sentido a información que nos poidan dar os empresarios é esencial.

Como valora o nivel da FP galega en relación coas do resto do Estado?
Estamos satisfeitos pero sabemos que temos moito que mellorar tamén, non podemos conformarnos co que hai. Penso que estamos nunha das posicións de cabeza en España, pero evidentemente témonos que dotar con mellores medios, mellor formación para os profesores, mellores instalacións e equipamentos e coa adaptación da oferta ao que require o sistema produtivo. Hoxe en Galicia o número de alumnos de FP supera en moitísimo aos que cursan Bacharelato, cousa que non ocorría hai uns anos. Iso significa que se valora, tanto por parte dos demandantes como por parte dos empresarios, os empregadores.

A que atribúe esa revalorización da FP?
Antigamente existía a crenza de que os que non valían para ir a universidade ían a FP. Agora vese que non é así. A Formación Profesional actual é seguramente máis vocacional e tamén máis especializada e vencellada ás demandas das empresas. Antes había 15 ou 20 especialidades, agora hai 139 ciclos distintos, está máis adaptada ao que demanda a empresa e, polo tanto, lle responde mellor. Nese sentido, os empresarios valórana máis. Polo tanto, son todos factores que ao longo dos últimos anos foron consolidando a posición da FP, que cremos que hai que seguir potenciando, non deixar que recúe nunca, senón todo o contrario, é dicir, tratando de que sexa a forza de traballo máis importante. As estatísticas de demanda do mercado laboral establecen que perto do 70% deben ser titulados medios-altos, e dentro destes, temos toda a gama de FP. Agora dáse o caso de que hai quen no seu momento cursou estudos universitarios e agora demandan FP, seguramente por esa maior vinculación coa empresa e facilidade para atopar traballo: hai prácticas obrigatorias en todos os ciclos formativos e temos programas novos de FP dual, que relacionan aínda máis a FP co mundo da empresa. Nos últimos tempos vimos dando moitos pasos que, dalgún xeito, están situando a FP no lugar que non estaba en España pero si noutros países do entorno. n

“Cada día a oferta da FP é máis especializada e está máis vencellada á empresa”

Te puede interesar