A Filharmonía de Galicia interpreta a Takemitsu, Buide e Schubert

a real filharmonía, no concerto de homenaxe a juan garcía organizado pola sff l.p.
|

A Sociedade Filarmónica Ferrolana comeza o ano con forza, con dous concertos en xaneiro das principais orquestras galegas. A primeira destas actuacións será esta mesma tarde, ás 20.30 horas, no teatro Jofre. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Diego García Rodríguez, interpretará o “Requiem” de Toru Takemitsu e a “Paisaxe suspendida” de Fernando Buide, nunha primeira parte. Despois da pausa tocarán a “Sinfonía nº 2” de Schubert. As entradas que quedan están á venda na taquilla do teatro e por internet (www.ferrol.es/jofre). Custan 15, 12 e 8 euros.

Diego García Rodríguez dirixe á orquestra no concerto desta tarde no Jofre

Diego García é un director coruñés (de Escarabote) que vén de encargarse da dirección musical de “Carmen” na Ópera Baltycka (Polonia) ou da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia. Dirixe o Taller Atlántico Contemporáneo e colabora en proxectos doutras disciplinas artísticas. De feito, participou no “Land of Opportunity” co grupo Siniestro Total e co compositor Javier López de Guereña e foi director musical de “A ópera dos tres reás”, produción do Centro Dramático Galego. Durante a tempada 2010-2011 colaborou con Paul Daniel e con Josep Pons no Teatro Real de Madrid.

A Real Filharmonía, con sede permanente no Auditorio de Galicia (en Santiago), naceu no ano 1996. O seu director titular é, desde hai poucas semanas, o británico Paul Daniel.

 

talento propio

O programa desta noite inclúe unha composición dun creador galego, Fernando Buide (Santiago de Compostela, 1980). Trátase de “Paisaxe suspendida”, unha obra que precisamente estreou a Real Filharmonía de Galicia, en outubro de 2010. Será nunha primeira parte que atenderá tamén á música do século XX, co “Requiem” do xaponés Toru Takemitsu.

 

A Filharmonía de Galicia interpreta a Takemitsu, Buide e Schubert