As antigüidades e os produtos do campo protagonizan a Feira Rural de San Sadurniño

|

O campón da Cortiña acolleu durante todo o día de onte a décima edición da Feira Rural de San Sadurniño, un evento que chamou a atención de pequenos e maiores debido á gran oferta de postos e actividades repartidos ao longo de toda a xornada.
Un total de 87 tenderetes, a maioría deles expositores agroalimentarios e de artigos de segunda man, serviron para que tanto veciños como visitantes, aproveitando as boas temperaturas, coñecesen de primeira man a colleita da comarca e mesmo adquirisen algún produto. Horta, froita, pan, doces, mel e queixos completaron a exposición frutícula achegada pola AGFA do Eume e tamén polos participantes no tradicional concurso das mellores variedades autóctonas da zona.
Con todo, un dos atrativos destes eventos son os postos de artesanía e artículos de segunda man, nos que os máis curiosos e nostálxicos puideron atopar verdadeiras reliquias e mesmo ata pagar aínda en pesetas.
As exposicións e demostracións de maquinaria agrícola e de xardín, os paseos en canoa polo Xubia e os obradoiros de construción de niños e elaboración de queixos para os máis pequenos compaxináronse coa sétima edición da proba Agility Concello de San Sadurniño –organizada por Lobos de Naraío– e o sexto monográfico da raza Can de Palleiro. Os cabalos tamén foron protagonistas da xornada cunha exhibición de saltos e de andadura.
Hoxe, a partir das 13.30 horas, será o turno da cuarta edición do festival de música e lecer ao pé do Xubia, Sons na Cortiña, dirixido ao público familiar. Actividades de circo e malabares, un obradoiro de percusión e unha zona de xogos de equilibrio serán algunhas das actividades que se oferten, ademáis da música de Peter Punk, A Gramola Gominola e Pablo Balseiro e Os Cascarillas, que pecharán a xornada. l

As antigüidades e os produtos do campo protagonizan a Feira Rural de San Sadurniño