A potencia rockeira dos londinenses The Barracudas incendia o Felipop

A potencia rockeira dos londinenses The Barracudas incendia o Felipop
imaxe da formación actual da banda the barracudas, creada en londres a finais dos setenta

O Felipop enfila hoxe as súas dúas noites grandes tendo como invitado principal a The Barracudas, banda londinense formada a finais dos 70 e rediviva a partir do 2005. Conseguen así desde a asociación Felicia manter ese gusto por recuperar grandes e pequenas xoias da música das últimas décadas, que tantos momentos milagrosos aportaron á historia do festival fenés. Na Hortiña de Limodre soará “I Want my Woody Back”, o seu primeiro single, de 1979, e o son garaxe, punk e psicodélico transitará polos seus posteriores traballos.
Será a guinda dunha noite enérxica, que comezará no local social ás 21.30 horas, co concerto de Postergel, cuarteto vilalbés que tocará temas de “Curvatura espacio tempo”, o seu primeiro disco, e que cargará guitarras para facer saltar ó público cun pop festeiro.
Xa no escenario principal da Hortiña os madrileños The Moonstones aportarán a súa carga de enerxía con “Fuzz, farisa y fiesta”, traballo que actualiza o punk e o garaxe dos 60, traendo ó século XXI un son desatado no que destaca o órgano.  
Completan o cartel os asturianos Los Guajes, liderados pola versátil e lírica voz do seu cantante. Aportan grandes doses de humor a temas que lembran o mellor dos grandes divos do pop patrio, en discos como o recente “Mujeres y centollos”.

A potencia rockeira dos londinenses The Barracudas incendia o Felipop

Te puede interesar