Mikel Erentxun abre a nova temporada do ciclo Sons Ferrol no Auditorio de Caranza

Diario de Ferrol-2015-09-24-011-fae87b9c_1
|

O popular intérprete Mikel Erentxun vai ser o encargado de retomar a programación do Ciclo Sons Ferrol despois da pausa de verán. O cantante, exlíder de Duncan Dhu, actuará no Auditorio de Ferrol este próximo sábado. Será o primeiro dos catro concertos previstos para os próximos meses, que completan cartel con Auryn, Supersubmarina e Ariel Roth.
Erentxun vai presentar no Sons Ferrol o directo do seu último traballo “Corazones” e interpretará tamén algúns dos temas máis coñecidos de Duncan Dhu. A voz de cancións tan emblemáticas como Jardín de rosas, Cien gaviotas o Una calle de París fará un repaso pola súa exitosa carreira, nunha proposta sobre o escenario que busca a conexión co público. 
A actuación de Mikel Erentxun iniciarase ás 20.30 horas, acompañado dunha banda. As entradas para asistir xa están á venda cun prezo anticipado a partir de 13 euros segundo localidade. Pódense adquirir en ataquilla.com ou no despacho de billetes do Teatro Jofre. O día do evento estarán tamén dispoñibles no propio Auditorio.

presentación do novo disco
Con máis de tres millóns de discos vendidos con Duncan Dhu,  Mikel Erentxun (Caracas, 1965) regresa ante os seus seguidores cun novo proxecto en solitario que pon en valor o seu talento compositivo e interpretativo. “Corazones” sae do famoso estudio que Paco Loco rexenta na localidade gaditana de Santa María. O resultado é un longa duración con tinguiduras artesanais, gravado, mesturado e masterizado analoxicamente. Fórmano 16 temas que segundo o propio Erentxun resumen  todas as influencias que recibiu ao longo da súa vida, desde os Beatles, ata Bob Dylan. Con el, o artista vasco persegue un son persoal e característico.

por primeira vez
Despois de Mikel Erentxun, o Ciclo Sons Ferrol retornará o sábado 31 de outubro con Auryn. A banda española revelación entre público adolescente e seguidor do fenómeno fans actuará por primeira vez na cidade, nun evento con gran expectación entre os seus seguidores. Outra formación relevante, desta vez no panorama do pop independente, é Supersubmarina, que estará en concerto o sábado 14 de novembro. Despois de converterse nun dos nomes principais nos festivais máis importantes da península, levarán a Ferrol o seu último disco “Viento de Cara”.
O encargado de pechar a proposta do Sons é Ariel Roth, coa data fixada para o 12 de decembro. O recoñecido artista presentará os temas dos seus últimos traballos e interpretará ademais as súas cancións máis emblemáticas.

Mikel Erentxun abre a nova temporada do ciclo Sons Ferrol no Auditorio de Caranza