“Tivemos encontronazos coa Xunta e a Deputación pero iso pasou e é o momento de unir esforzos”

“Tivemos encontronazos coa Xunta e a Deputación pero iso pasou e é o momento de unir esforzos”
xosé manuel blanco, ante o consistorio naronés jorge meis

O alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco (TEGA), valora a coalición de goberno co PSOE, BNG e CG. É o primeiro mandato dun cuatripartito en Narón, co PP na oposición e unha xestión marcada pola crise económica. Blanco defende o traballo realizado e non oculta que ten “unha espiña clavada”: a imposibilidade de acadar axuda doutras administracións para financiar o saneamento de Sedes e Doso, presupuestado en sete millóns.

Que tal funciona o único goberno cuatripartito desta comarca?
Ben, porque aquí non hai reinos de taifas, hai un único goberno formado por catro grupos, todos decidimos en tódalas áreas e temos moi claro hacia onde queremos que vaia Narón.

Deixaron só ao PP na oposición, co que TEGA xa pactou no anterior mandato. Non hai posibilidade dun goberno de cinco partidos?
Son utópico e me gustaría que os 21 concelleiros traballáramos ao unísono polos veciños. Comprendo que para o PP é moi difícil sumarse a un pacto, pero para min non é tan importante que se sumen como que refrenden o 95% dos asuntos que van ao pleno.

Non deixa de resultar curioso que cogobernen cun partido, o BNG, que se personou nas dilixencias polas obras denunciadas no edificio de Odeón e se opuxo á construción da moenda en Castro.
O tema de Odeón xa quedou definitivamente pechado. No da cementeira nosoutros mantivemos unha postura e o BNG outra diferente, pero o que é futuro e cara ao beneficio dos veciños de Narón ou de perda económica creo que non vai haber problema en sacar este tema adiante. Loitaremos para que non se peche ningunha empresa pero sempre tendo en conta a lei.

Que pasará se finalmente hai que indemnizar á cementeira?
Teríamos que estudar a posibilidade de involucrar á Xunta. Non hai que esquecer que o proxecto de sectorización que se aprobou e o primeiro que se tumbou foi aprobado co informe favorable da Xunta e que a licencia de actividade desta fábrica non foi concedida polo Concello senón pola Xunta. Eu espero non ter que chegar a estas circunstancias
Cogobernaron co PP anteriormente pero as relacións co partido a nivel provincial e autonómico son tensas...
Tivemos unha serie de liortas con algunhas administracións. O tema da Deputación foi sangrante, que haxa que recurrir ao Valedor do Pobo para que o presidente conteste a un alcalde parece denigrante... e coa Xunta tivemos tamén bastantes encontronazos, pero isto pasou e é o momento de unir esforzos.  

A construción do novo centro de saúde continúa a ser unha asignatura pendiente...
Estou case convencido de que a Xunta vai presentar o proxecto pero pospoñer o investimento. Non quero ser mal pensado, pero seguramente para a campaña 2015 van intentar vendelo.

Chegaron a un acordo con Interior para comprar a Casa Cuartel de Xuvia. Consideran ese investimento unha prioridade nestes tempos de crise?
Nós o que non queríamos é que iso pasara a mans privadas. A zona de Xuvia necesitaba un espacio dotacional, non está definido que é o que pode ser e ao mellor hai que plantexarse o tema dun colexio, unha pista deportiva ou un novo parque. Cando haxa posibilidades de invertir, decidiremos co conxunto dos veciños o que se vai facer.

Cales serán as prioridades nestes dous anos de mandato?
O fundamental son o saneamento da ría, o paseo das Aceñas, o centro de maiores de Pedroso e a remodelación das prazas. Tamén me gustaría rematar o muíño de Xuvia, pero entendo que non se pode facer nestes momentos.

Verémolo inaugurando algunha instalación nos vindeiros dous anos?
Construíuse a gardería de Xuvia, o edificio de usos múltiples de Aldea Nova, e o polideportivo da Solaina. Eu o que quero é que se poñan a funcionar e se coincide cun acto o inauguraremos, pero o importante é que funcione.

O alcalde de Ferrol deixou as portas abertas a unha futura fusión con Narón. Vostede, como o ve?
Antes de pasar á unión de concellos hai que ir á xestión conxunta dos servizos. Esas unións artificiais xa virán dadas, pero con moito tempo por diante.

“Tivemos encontronazos coa Xunta e a Deputación pero iso pasou e é o momento de unir esforzos”

Te puede interesar