A crise do 17 afectaría de xeito decisivo ao desenvolvemento do rexionalismo/nacionalismo galego agrupado ao redor das Irmandades. Voces moi significadas da formación, aínda en xestación e en fase de dificultosa expansión, entenderon que se querían ter algunha presenza social a intervención na política directa era imprescindible.
As experiencias habidas nas relacións con representantes rexionalistas/nacionalistas doutros territorios do Estado, nomeadamente cos cataláns da Lliga liderados por Francesc Cambó, parecían aconsellalo.
O rexionalismo estaba converténdose en forza política plena no panorama político español e os rexionalistas galegos, máis ou menos organizados, non podían ficar á marxe desta mudanza.
Que un sector dos Amigos da Fala está decidio a actuar decididamente en política nesta liña nacionalista parece demostralo ás claras o programa electoral que Porteiro Garea elaborou para presentarse ás eleccións de febreiro de 1918. Nel recolle os ecos da Asemblea de Parlamentarios ou da folga de 1917.
Coa finalidade de contar cun órgano de prensa que apoiase o novo camiño que decidira tomar a Irmandade, os rexionalistas da Lliga decidiron mercar o diario coruñés El Noroeste, a comezos de 1918 Non obstante, o apoio do diario á causa irmandiña non foi duradeira xa que non tardaría moito en revirarse contra ela.
Intereses partidistas
Mentres o rexionalismo galego xogou un papel case lingüístico e cultural, algo que non presentaba maiores perigos, a prensa galega, maioritariamente vinculada aos intereses dos partidos do “turno”, non lle plantou cara ningunha.
Mais chegada esta altura de participación política aberta a cousa mudou e a campaña rexionalista foi moi duramente atacada. Aínda que nas eleccións non se obtivera representación ningunha, o sector máis nacionalista consideraba que a diferenza pola que se perdera non fora moita, máxime tendo en conta toda a maquinaría caciquil despregada co apoio do poder estata, o que permitía agardar mudanzas futuras. De aí que os esforzos da Irmandade coruñesa se centrasen en intentar consolidar unha platraforma política. n