“Penso que é fundamental ver en directo outras escolas e outras metodoloxías”

“Penso que é fundamental ver en directo outras escolas e outras metodoloxías”

Desde o pasado día 7 de outubro, dez profesores de colexios e institutos galegos mudaron as súas aulas por outras ubicadas a moitos miles de kilómetros de distancia, en Canadá. Alí, seis docentes de Primaria e catro de Secundaria gozan dun programa que é froito do acordo bilateral entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o goberno da rexión canadiense de Alberta para a formación permanente do profesorado en linguas estranxeiras no exterior.
Entre os membros da delegación galega encóntrase Gabriela Sánchez Cortizas, profesora de inglés no IES de Mugardos. “Pasamos un mes –a estadía rematará o vindeiro día 2– en escolas que teñen un programa bilingüe en español, as Spanish Academies”, comenta. A ela tocoulle na St Bonaventure Junior High, na cidade de Calgary.
Di que está a ser unha experiencia moi enriquecedora. “Para nós supón unha reciclaxe lingüística e metodolóxica e para eles un modelo a empregar nas súas aulas de español. Penso que é fundamental ver en directo outras escolas e outras metodoloxías”.
Aínda que é consciente que nos tempos que corren “non se pode pedir nin á administración nin aos profesores que asuman estes gastos”, afirma con contundencia que “valen a pena”.
Entre outras cousas porque permiten comprobar “in situ” outros sistemas educativos e formas de proceder. Ademais do ben dotadas que están as aulas, tanto de medios materiais como humanos, Gabriela Sánchez salienta que “o sistema canadiense prima a aprendizaxe autónoma. É moito menos dirixista e fomenta a investigación e o traballo cooperativo nos rapaces. Animan aos alumnos a buscar distintas formas de resover os problemas”.

emprego das linguas
Tamén destaca o modo en que o profesorado das Spanish Academies fan uso das linguas na clase. “Empregan o inglés e o español, cambiando de lingua cando o precisan e aclarando en ambas linguas todos os conceptos, dúbidas ou cuestións que poidan aparecer. Son menos dogmáticos ca nós no emprego das linguas e vanas alternando na aula sen ningún problema de xeito totalmente natural”, comenta a profesora.
Outro dos aspectos que está a comprobar a profesora do IES de Mugardos na súa estadía en Canadá é que “o comportamento na clase tamén é moi diferente. Os rapaces móvense case libremente pola aula en todo momento pero, contrariamente ao que se poida pensar, non hai excesivo xaleo nin falta de atención. Cando o profesor require silencio, inmediatamente se acada”.
O ritmo de traballo, “que en principio semella máis lento que o noso”, o importante fincapé que fan nas actitudes, e a presentación case sempre de xeito globalizado dos contidos, son outras das cuestións que Gabriela Sánchez salienta do sistema educativo dunha provincia, a de Alberta, moi rica debido principalmente ás súas reservas de petróleo.
Os dez profesores que toman parte no programa –que teñen que pagar parte do custo do mesmo– foron seleccionados pola Consellería de Educación en base aos seus méritos.

“Penso que é fundamental ver en directo outras escolas e outras metodoloxías”

Te puede interesar