A Academia Galega do Audiovisual vén de publicar a listaxe definitiva de candidatos que optarán a finalistas das 25 categorías da XIII edición dos Premios Mestre Mateo. A esta edición presentáronse un total de 111 obras estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014. Destas producións, 11 son longametraxes (3 das cales son de animación, 17 documentais, 5 series, 7 series web, 20 programas de televisión, 18 curtas, 16 anuncios publicitarios e 17 videoclips). Aínda que a Academia non ten unha data elixida, os galardóns entregaranse o vindeiro mes de abril no Palexco da Coruña.
Estas producións, así como os diferentes profesionais presentados, serán votados polos académicos e académicas nas vindeiras semanas para decidir os catro finalistas de cada categoría, que se darána coñecer definitivamente o vindeiro mes de marzo e que optarán a un dos Mestre Mateo da industria audiovisual de Galicia.
posibles candidatos locais
A lista de precandidatos escollida pola Academia está inzada de artistas e profesionais de Ferrol e comarca. Deste xeito, figuran como mellor actor Xabier Deive pola película “Maratón”, así como pola serie de televisión “Serramoura”. Tamén neste xénero están as actrices Mabel Rivera e Iolanda Muíños, ambas polo seu traballo en “Pazo de familia”. Tamén está incluída a pontesa Mercedes Castro por “Padre Casares” e o actor Chisco Amado por “O Faro”. Sen saír da televisión, pero na categoría de mellor comunicadora, Beatriz Manjón podería acadar o galardón polo seu traballo en “Voga, voga mariñeiro”, da TVG.
No apartado exclusivamente cinematográfico, o director de fotografía fenés Alberto Díaz “Bertitxi” figura como precandidato polo seu traballo en “Os fenómenos”, aínda que tamén é candidato ao apartado ao mellor programa de televisión por “Era visto!”. En canto á mellor longametraxe de animación, a produtora ferrolá Abano figura con “A tropa de trapo na selva do arco da vella”. Esta mesma cinta ten como guionista a Lola Beccaria.
Polo que respecta ao mellor documental, un dos candidatos será “O milagre de Ferrol. Unha historia da construción naval”, un documental que repasa as distintas etapas dun dos estaleiros que durante séculos situou á cidade de Ferrol na vangarda mundial. A produtora Zenit, da ferrolá Zaza Ceballos, e a TVG son as produtoras do traballo, dirixido por Rogelio Abraldes.
Entre as posibles candidaturas como mellor curtametraxe tamén está “De baixa”, unha obra realizada por Juanín Ares para a asociación actoral O Aturuxo de Melpómene.