Máis de 300 escolares gozarán mañá no Jofre da obra “O raposo e a mestra” de Manuel Rivas

O recoñecido escritor galego Manuel Rivas achegará mañá mércores no teatro Jofre a súa obra “O raposo e a mestra” a máis de 300 escolares de 3º de Primaria de Ferrol dun xeito ameno e divertido. Faráo a través dunha sesión de lectura teatralizada sobre a historia que se relata no seu libro, unha obra que o Concello de Ferrol, a través da área de Educación, distribuíu de forma gratuíta nos colexios públicos da cidade para traballar sobre el.
A función do mércores, na que Rivas estará acompañado pola música de Ce Orquestra Pantasma, trala que se agocha o vigués César Freiria, servirá para complementar o achegamento dos escolares ao libro co que Rivas regresou á literatura infantil. Nel rende homenaxe ao monte Pindo e ás docentes.
O protagonista da historia é precisamente Pindo, un raposo solitario que sabe as falas de todos os animais e persoas e que ten un poder: é capaz de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. Do relato forman parte tamén unha serie de cancións populares de diferentes linguas, como o galego, inglés, italiano ou alemán.
A proposta, a desenvolver en dúas sesións –9.30 e 11.45 horas–, foi presentada onte polo concelleiro de Cultura e Educación, Suso Basterrechea, quen salientou unha vez máis a aposta do seu departamento por abrir as portas dos espacios culturais públicos a actividades dirixidas a todo tipo de públicos, neste caso aos centros educativos.

palabras malditas
O edil avanzou tamén outra das citas culturais previstas para o vindeiro mes de marzo, concretamente o venres día 11, no Jofre. Trátase da obra “Palabras malditas” da compañía Teatro do Noroeste, e que inclúe no reparto á actriz ferrolá Mabel Rivera. Haberá unha sesión pola mañá para estudantes de Secundaria e outra ás 20.30 horas aberta xa ao público en xeral.

Máis de 300 escolares gozarán mañá no Jofre da obra “O raposo e a mestra” de Manuel Rivas

Te puede interesar