Os alumnos da Náutico-pesqueira esixen a retirada do decreto de prezos

Os alumnos da Náutico-pesqueira esixen a retirada do decreto de prezos
os estudantes estiveron acompañados polo portavoz municipal do bng, iván rivas luis polo

Uns trinta alumnos da Escola Náutico-Pesqueira de Serantes participaron onte nunha concentración organizada polo Bloque Nacionalista Galego na praza de Armas para rexeitar o decreto 143/2013 que fixa os prezos dos servizos de residencia e comedor que se prestan en centros como o ferrolán.
A protesta fíxose coincidir co encontro que unha representación das escolas destas características existentes en toda Galicia mantivo cos responsábles da Consellería do Medio Rural e do Mar para abordar a situación creada logo da publicación da citada orde, que, como denunciou onte o portavoz dos afectados, Iván Pastoriza, “é unha inxustiza” porque o curso xa está iniciado e obriga aos estudantes das escolas náutico-pesqueiras a  “ingresar unha cantidade económica “pero tampouco especifican como podemos facelo nin por que ten que ser antes do vindeiro luns, 30 de setembro”.
Pastoriza engadiu que se senten “abandonados” e insistiu en que o decreto entrou en vigor tralo prazo de formalización da matrícula, que moitos pecharon xa en xuño. Ademais, algúns compañeiros deixaron o seu traballo para poder estudar as disciplinas que ofrece o centro.
“Os que estamos a estudar non podemos facer fronte a este pagamento”, dixo o portavoz, quen demandou a derogación do decreto ou, no peor dos casos, que se dean facilidades ou que se establezan as tarifas en función da renda familiar. “Non é normal”, criticou, “que sexa a mesma contía para todos por igual”.

"morosos"
Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Iván Rivas, censurou a actitude da Consellería do Medio Rural e do Mar, que na reunión de onte pola mañá se negou a retirar o decreto e a flexibilizar o pagamento das cuotas, sen posibilidade de prórroga de ningún tipo. De feito, sinalou, a Xunta “ameazou aos estudantes que non paguen a incluílos na listaxe de morosos de Facenda”.
Rivas insistiu na “imposición” desta orde, “sen previo aviso” a xa principiado o curso académico. “O único que fai”, subliñou Rivas, “é limitar o acceso aos estudos do alumnado procedente de clases sociais máis castigadas pola crise impedíndolle a formación”.
 A normativa, sostén o edil do BNG, “atinxe a sectores fundamentais para o desenvolvemento do país, como son o pesqueiro e o agroforestal”, e obriga aos alumnos que queren formarse a pagar por servizos que até o de agora eran de balde”.

Os alumnos da Náutico-pesqueira esixen a retirada do decreto de prezos

Te puede interesar