“Estamos pensando en pasar ao porno para tributar menos a Facenda”

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-e9b3a7d9
|

O espectáculo “Noites de Retranca” cumpre un lustro. Cinco anos levando aos teatros as historias e monólogos dos mellores contacontos do país. O sábado ás 20.00 horas chega ao Pazo da Cultura de Narón protagonizado polo dúo Mofa & Befa, que presentará e fará varios sketches, e xa propiamente como monologuistas estarán Manuel Manquiña e Rober Bodegas. A metade de Mofa e Befa, Evaristo Calvo, fala desta experiencia.  

Están a cumprir un lustro co espectáculo “Noites de retranca”. Como valora estes anos de humor cos actores máis populares do país?
Quizais nós non sexamos os mellores para valoralo xa que fomos os últimos en chegar ao equipo. O que si podo dicir é que o espectáculo foi medrando e non é simplemente uns tipos sobre o escenario contando cousas graciosas. Hai monólogos, sketches con personaxes, pero tamén hai ambientación e unha escenografía para que o público ría durante as dúas horas de duración.

A risa é o obxectivo absoluto de “Noites de Retranca”?
Que a xente se ría é esencial, aínda que se hai espazo para a reflexión, moito mellor.

Como actor, nota que a xente cando vai ao teatro opta cada vez máis polo xénero do humor, que o elixiu para fuxir do que está a suceder?
A xente sempre gustou do humor, pero creo que o refuxio dos espectadores hoxe non está tanto no teatro como na televisión, que sae gratis. Hai que ter en conta os espectadores teñen que pagar unha entrada para ver unha obra e que do recadado cun espectáculo teatral Facenda leva un 21% porque este Goberno decidiu subir o IVE. Porén, se fixeramos pornografía tributariamos só un 4%, así que ao mellor facemos como esa compañía madrileña, Primas de Riesgo, que xestiona as sús entradas a través de revistas porno...

Volvendo a “Noites de Retranca”, que tal funciona a química co resto dos seus compañeiros de cartel?
Estupendamente. O monólogo de Manquiña é moi divertido, moi incorrecto politicamente, e o de Rober Bodegas tamén é moi surrealista. Noutras ocasións tócanos con Quico Cadaval, que ten un humor imparable, ou con Carlos Blanco, que xa fai uns espectáculos performáticos, ampliando a palabra a outros soportes e facendo un auténtico show con diferentes xéneros. Con todos eles hai moi bo ambiente.

O humor está estes días de lamentable protagonista por cousas serias como o asasinato dos debuxantes da revista “Charlie Hebdo”. Para vostedes o humor debe ter límites?
Todo debe ter límites, e o humor tamén. Nós nunca rimos coas desgrazas alleas, como os defectos físicos. No caso de “Charlie Hebdo” eu non suscribo a súa sátira, meterse en certos avispeiros porque si. Agora ben, unha cousa é que fagas sátira aínda sen moita reflexión e outra que te peguen uns tiros.

Finalmente, no caso de Mofa e Befa regresarán o próximo mes a Ferrol onde farán no Jofre o seu novo espectáculo, “Bobas & Galegas”.
Si, foi un encargo feito polo Festival de Teatro Clásico de Almagro, onde se estreou hai uns meses. Trátase dunha obra moi didáctica e rigurosa na que aparecen, con moito humor, o papel dos galegos no teatro clásico español do Século de Ouro, onde ademais hai todo tipo de visións sobre nós. É sabido o da burla e mirada despectiva, pero tamén destacamos outras que falan do triunfo de moitos galegos por traballadores e discretos. Hai moito humor, versos de Quevedo e outros grandes autores e resulta moi didáctico, do máis ambicioso que fixemos nunca. Agora comezamos a xira en galego polos teatros e agardamos que funcione moi ben.

“Estamos pensando en pasar ao porno para tributar menos a Facenda”