A recreación das Lendas de Pena Molexa contará cun amplo programa de actividades

Lugar de pena Molexa, onde haberá outro ano actividadesjorge meis
|

A concellera de Cultura, Marián Ferreiro, e a presidenta de AVV Os Irmandiños do Val, Ana Belén Rodríguez, presentaron onte o programa de celebración da décimo novena edición da recreación das Lendas da Pena Molexa.
A conmemoración terá lugar o día 18 de xuño no lugar de Vilasuso, no Val, pero as actividades organizadas comezarán xa o 4 do mesmo mes cun roteiro cicloturista. A saída está prevista para as 10.30 horas desde as inmediacións do local social e nel se levará a cabo un percorrido polo entorno co obxectivo de dar a coñecer ós participantes o patrimonio cultural do Val. Trátase dunha actividade aberta á participación de todos os interesados e que conta, ademais, coa colaboración da Concellería de Seguridade Cidadá, a través do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.
A seguinte data programada é o 10 de xuño, para cando está prevista a celebración dunha “Andaina Solsticial” a partir das 22.30 horas. O lugar de encontro será o convento de Baltar e, a partir de aí, a comitiva marchará ata a Pena Molexa realizando diversas paradas polo camiño, como é o caso do castro de Vilasuso ou o propio convento do que partirá a camiñata.
Por último, o día grande da celebración contará cun amplo programa festivo que dará comezo ás seis da tarde, coa posta en marcha de varias actividades de deporte rural e xogos populares. A continuación, ás 20.30 horas, actuará o Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Para cear, churrascada a prezos populares a partir das nove da noite e, de seguido, concerto do grupo de música folk “Zoadeira” ás 22.30 horas. A representación das Lendas coincidirá co solsticio de verán, exactamente a media noite, como marca a tradición. A festa rematará ás 00.30 horas cunha lumeirada e repichoca popular, para dar por finalizado o día.

A recreación das Lendas de Pena Molexa contará cun amplo programa de actividades