A XXXII Feira do Grelo das Pontes cambiará o cocido por potaxe e engadirá varios entrantes ó menú

foto da festa do ano pasado j.m.
|

A Feira do Grelo das Pontes cambia de cara na súa trixésimo segunda edición. O tradicional cocido será substituído por diversos pratos que terán tamén, como principal finalidade, subliñar a calidade e o sabor desta berza. Pero ademais introdúcense outros ingredientes e dáse así cabida a outros produtos da zona, como o queixo da Faeira. Apóstase, segundo explica a concelleira de Cultura, Sara Ramos, por unha proposta máis elaborada, con máis pratos e con máis protagonistas.

A feira será, como adoita, o Domingo de Entroido, que este ano coincide co día 10 de febreiro. O menú consiste nun entrante composto por consomé de cocido. Continúase o xantar con queixo tenro da Faeira con confeitura de grelos. O prato principal estará composto por potaxe de grelos, con garabanzos e chourizos. De postre, as sobremesas máis típicas do Entroido: freixós e tamén orellas. Beberase auga e viños do país.

O prezo deste xantar incrementarase respecto ó de anos precedentes, precisamente porque se actualiza o menú e se inclúen máis pratos e de maior elaboración, o que incrementa o custo, segundo afirmou Sara Ramos.

A Feira do Grelo das Pontes, ademais da degustación, conta cun afamado concurso de cestas e con postos de venda deste produto e doutros propios da comarca do Eume e cultivados de forma natural.

 

A XXXII Feira do Grelo das Pontes cambiará o cocido por potaxe e engadirá varios entrantes ó menú