Bieito Romero: “Para nós é un honor poder ser a banda sonora da vida de moita xente”

Bieito Romero: “Para nós é un honor poder ser a banda sonora da vida de moita xente”

A xira coa que Luar na Lubre está a celebrar o seu trixésimo aniversario por toda a península (España e Portugal) e mesmo no exterior (México) fará unha parada esta tarde no Pazo da Cultura de Narón –20.00 horas–.
A formación, unha das bandas de referencia da música celta do país, ofrecerá un concerto moi especial. “Faremos un percorrido pola nosa música, polos temas máis coñecidos, os máis históricos e tamén con algunha novidade”, adianta Bieito Romero (gaitas, acordeón e zanfona). Tamén soarán algúns temas do último traballo do grupo, un doble cedé con quince temas cada un que, lonxe de tomar a forma dun recopilatorio ao uso, vai máis alá para achegar unha colección diferente de tesouros non habituais.
“Este último disco é especial, é unha selección de temas especiais peron non coñecidos, é a música agochada pero que non deixa de ser tan boa e interesante como as outras”, explica o músico. Para o deseño deste traballo contouse ademais cun artista da zona, o aresán Antonio Seijas, que tamén foi o comisario da exposición da exposición dos trinta anos da formación que tivo lugar na Coruña.
Unha mostra que, ao igual que está a suceder con xira, tenta sintetizar o moito que deron de si estas tres décadas para o grupo. Numerosos premios, dous discos de ouro por dous dos seus traballos ao superar as 50.000 copias vendidas en cada un, 17 traballos publicados, máis de 400.000 discos vendidos ou máis de 30 países percorridos son algúns dos datos que poñen de relevo a súa prolífica e recoñecida traxectoria. A clave do éxito? “Traballar, é unha cuestión de traballo, de constancia, de ter proxecto, de equilibrios internos. E unha cousa fundamental que nós entendimos desdesde hai anos, que é poñer un pe fóra de Galicia, ter a posibilidade de saír con fluidez fóra do noso espazo, que ao ser pequeno non dá para estar tocando con tanta asiduidade como facemos todos os anos”, comenta Bieito.
O concerto desta tarde suporá tamén a estrea na zona de Ferrolterra da que desde o mes de xaneiro é a voz da formación, Belem Tajes.
Logo de trinta anos nos escenarios, facendo historia “pasiño a pasiño”, Luar na Lubre continúa, e con moi boa saúde, formando parte da banda sonora de moitas vidas, circunstancia que para a banda é, ademais “dunha gran responsabilidade, un auténtico honor”. As entradas para o concerto custan 12 euros.

Bieito Romero: “Para nós é un honor poder ser a banda sonora da vida de moita xente”

Te puede interesar