O CEIP Juan de Lángara achega aos seus alumnos a algúns dos produtos típicos do agro galego

Colegio Juan de Lángara Exposición de muñecos elaborados con mazorcas de maiz
|

Os hortos escolares convértense nuns interesantes recursos pedagóxicos para abordar contidos relacionados con diferentes áreas. A súa proliferación nos últimos anos non fai senón confirmar as potencialidades que este tipo de espazos ofrecen á comunidade educativa. O colexio Juan de Lángara puxo en marcha o seu o pasado curso académico. Desde entón, son varias as propostas que botan man desta ferramenta no proceso de aprendizaxe.
É o caso da promovida desde o Equipo de Normalización Lingüística, coordinado pola profesora Marisol Soto Prieto, en colaboración co de Convivencia e que conta coa implicación de todo o centro. Así, e baixo o lema “Plántate, sementa o galego e medrarás”, o proxecto, que se prolongará durante todo o curso académico, ten unha doble finalidade: achegar aos rapaces aos produtos típicos do agro galego e fomentar ao mesmo tempo o emprego desta lingua.
O millo é o protagonista deste primeiro trimestre. Entre as iniciativas desenvolvidas para o achegamento a esta planta incluíuse a elaboración de figuras a partir das mazarocas. O resultado: unha orixinal exposición na que se poden atopar desde damas ataviadas coas follas do millo ata un pitiño, unha araña, unha fada ou un espantallo, entre outras moitas creacións.

implicación
Tratábase dunha actividade para compartir tamén coas propias familias e a colaboración destas, segundo salientou a coordinadora, foi excelente. “A resposta foi incrible, polo que tamén queremos expresar o noso agradecemento aos pais”, comentou Marisol Soto. De entre todos os traballos haberá unha decena de gañadores, aos que se lles entregará un libro como agasallo.
O segundo trimestre estará adicado ao grelo e o terceiro á pataca, alimentos que serán sementados polos escolares. En todos os casos, o traballo acompáñase dunhas unidades didácticas elaboradas polos propios docentes implicados. “Os rapaces poden ver así o proceso de cultivo   de produtos na nosa terra fomentando tamén a lingua e a cultura galegas”, apunta Soto.

O CEIP Juan de Lángara achega aos seus alumnos a algúns dos produtos típicos do agro galego