Xiana Lastra | “Este novo disco leva implícita unha homenaxe á idea de nai nun sentido amplo”

Xiana Lastra | “Este novo disco leva implícita unha homenaxe á idea de nai nun sentido amplo”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-fc1ecfbd

Chegaron á escena musical pisando forte, cun primeiro disco, “Bailando as rúas”, que superou as súas propias expectativas. Máis de setenta concertos en ano e medio e varios premios no peto avalan a “inmellorable” estrea dunha formación que agora, co seu segunto traballo, non se marca outro obxectivo máis alá que o de se manter e conservar ese oco acadado no panorama galego.

Inmersas de cheo na xira de presentación do seu novo proxecto “Fábrica de luz”, a Banda da Loba fai hoxe unha parada nas Pontes –ás 20.00 horas no Auditorio municipal Alovi e con entradas a  cinco euros– para achegar ao público da comarca un disco cargado de sonoridades diferentes e letras cheas de contido.

Será ademais un concerto moi especial para a voz do grupo, a ferrolá Xiana Lastra, con familia e amigos na devandita vila e coa que conversamos sobre este novo traballo que asina xunto as súas compañeiras Andrea Porto (baixo e coros), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarras e coros) e Marcela Porto (batería e percusións).

Xa só o título do voso novo traballo, “Fábrica de Luz”, desprende positividade; semella un canto ao optimismo.

Si, ao optimismo, á esperanza e sobre todo a unha maneira que temos de traballar e de crear. É un pouco o leitmotiv da canción que abre o disco, que fala un pouco de como nós entendemos o noso xeito de facer música. Ademais, todo o cedé leva implícita unha homenaxe á idea de nai nun sentido amplo, non só de homenaxe ás nosas propias nais de maneira máis literal, senón que englobamos aí un pouco todo o que nos define, desde a nosa identidade, como pode ser a terra e a lingua, ata as nosas propias nais, que foron as que nos educaron e que nos fixeron como somos. Tamén a todas as compañeiras escritoras, poetas, músicas que foron abrindo camiño ao longo de tantos anos para que nós hoxe en día podamos traballar como traballamos.
 
E como atopades vós, unha banda integrada exclusivamente por mulleres, ese camiño hoxe en día?

A situación no panorama musical é un pouco o mesmo que na sociedade en xeral. Eu creo que se están a dar moitos avances neste sentido; que aínda queda, por suposto, moito que traballar, pero creo que si hai sobre todo unha concienciación maior. O feito de resaltar que somos unha banda de mulleres fai que por un lado se evidencie que non é algo habitual ou normal, cando si se considera normal se está formada exclusivamente por homes, mais ao mesmo tempo ponse un pouco en alerta a situación. Creo que a xente está cada vez máis concienciada e que se está traballando moito neste sentido.

Como entende a música a Banda da Loba?

Nós entendemos a música nun sentido amplo, universal. Somos cinco persoas que escoitan todo tipo de estilos musicais e o que nós creamos vai na mesma liña de apertura mental, porque non nos vencellamos a ningún estilo en concreto. Depende do que queiramos contar, que normalmente sempre son cancións con letras que falan de cousas que nos preocupan, que nos interesan, ou cancións con letras cheas de contidos; que non sexan cancións que non digan nada, ou que deixen á xente indiferente, recubertas cunha música pegadiza, dixerible e que faga que esa conxunción sexa o máis efectiva posible.

A excelente acollida do voso primeiro disco demostrou, precisamente, a efectividade da vosa fórmula.

A verdade é que o balance deste traballo foi inmellorable e ao mesmo tempo daba un pouco de medo precisamente iso, porque cando che vai ben, ademais cun primeiro traballo, pois logo pensas ‘a ver que facemos para polo menos conseguir manternos onde estamos e non baixar’. Este era xa o obxectivo, o de manterse, porque o éxito de “Bailar as rúas” e a repercusión que tivo foi sorprendente para nós.

E como está a ser a resposta por parte do público a este  novo traballo?

Polo momento pensamos que “Fábrica de luz”, a nivel de calidade, é un disco que nos gusta moito como quedou tanto co que ten que ver co son como coas cancións. Estamos orgullosas co traballo que fixemos. Gústanos moito, e nos poucos concertos que levamos nesta xira de presentación estamos a ver que a aceptación está a ser boa, polo que xa se nos quitou un chisquiño este medo.

Xiana Lastra | “Este novo disco leva implícita unha homenaxe á idea de nai nun sentido amplo”

Te puede interesar