O Ateneo Ferrolán pon en marcha este mes a súa nova proposta de Escola de Teatro

O Ateneo Ferrolán pon en marcha este mes a súa nova proposta de Escola de Teatro
Diario de Ferrol-2015-01-04-013-b0d24b19

Definitivamente Ferrol e Trasancos estanse a converter nun espazo teatral. Aos máis de vinte anos que leva Narón coa súa prestixiosa escola de teatro engádese agora o proxecto da Concellería de Cultura de Ferrol que quere apostar por algo semellante. Non son os únicos. O Ateneo Ferrolán, unha das entidades pioneiras na comarca no eido escénico, aposta por unha escola de formación actoral que comezará a partir do día 19 de xaneiro da man do director búlgaro asentado en Galicia Plamen Dipchikov,  doutor en ciencia e arte teatral e responsable da compañía de títeres Kalina. Para o presidente do Ateneo, Eliseo Fernández, “é unha coincidencia que esta iniciativa coincida co obradoiro do Concello, xa que había tempo que Dipchikov nos ofrecera a posibilidade de organizar esta escola. A ver como resulta”.
As clases, que comezarán a partir do día 19 deste mes, estarán orientadas a ofrecer métodos e exercicios do actor no teatro dramático e sobre todo no teatro de obxectos. Está dirixido a nenos e nenas de 5 a 11 anos (cun custo de 27 euros ao mes); a adolescentes de 12 a 17 anos (o prezo será de 37 euros ao mes), e para adultos, actividade cun prezo de 47 euros ao mes.

o xogo cos obxectos
Segundo destaca Plamen Dipchikov: “O Teatro de obxecto e visual é un xenero da arte teatral dun nivel elevado na escala intelectual. Dispón da súa propia linguaxe e estética expresiva. Ten como obxectivo a intelixencia emocional do publico e é capaz de emitir desde o escenario mensaxes conceptuais conmovedores. O actor é o responsable de dar vida a obxectos, creando así a acción escénica. Quen queira dominar esta arte pode apuntarse e abrir os sentidos no encontro cun concepto teatral completamente novo e fascinante”.

O Ateneo Ferrolán pon en marcha este mes a súa nova proposta de Escola de Teatro

Te puede interesar