Un monográfico do Día da Patria

Un monográfico do Día da Patria
Rosalía e Curros no número do Día de Galicia de 1920

Como quedou dito na entrega anterior, A Nosa Terra quixo cumprir o acordo da II Asamblea Nazonalista de Compostela e obeder as ordes do Directorio de festexar o Día de Galicia e para iso nada mellor que dedicar un número monográfico á efeméride. Xa no número anterior, o de 15 de xullo, un dos dirixentes da Irmandade coruñesa, Bernardino Varela do Campo, dera á luz nas páxinas do voceiro o artigo “O día da Galicia / 25 do Julio”, dirixido nomeadamente aos emigrantes, no que explicaba o que entendía que tiña que ser ese día: “ O día de Galicia non ten de sere un día de xolda, rexouba e trangallada; non pode sere unha festa de gaita e foguetes; non ten de se facere unha xuntanza para decire catro cousas hocas, valeiras, ‘cursis’. Nada de lembrarse da Patria gallega para chamarlle: bonita, feiticeira, probe; non. Ten de sere un día que en todol-os fogares, en todal-as terras alleas, en todol-os currunchos do praneta onde haxa un gallego, teña media hora para facer meditación patriótica; ten de sere o día en que todos nós, fagamos unha confidencia espritoal preguntándonos a nós mesmos: ¿de que se doe a miña Terra? ¿cales son as súas mágoas? ¿cal é a miña obriga? ¿por que fuxín a terra allea? Temos de saudar a Patria, temos que dar a vida por ela si preciso fora...”. A dirección do xornal tivo a ben incluír nese número do día da Patria artigos de carácter doctrinal e patriótico xunto con textos literarios. Entres os realmente políticos atopamos contidos diferentes. Vicente Risco, como non podía ser doutro xeito, presentou un artigo na liña do recolido na súa Teoría do nacionalismo galego, acabada de editar. Titulouno “Mística disertación na que se decrara o simbolismo y-espirtual sinificado que ten a vida groriosa do Santo Apóstol San Yago, assi como a festa que hoxe principia a celebrare a nazón galega”. Comeza resaltando a importancia do feito: “O día do Apóstol Sant’Yago é a festa da Patria Galega, a nosa Festa Nacional… Compre que todos se decatan da trascendencia que esto ten… Falo da trascendencia espirtual, pro sábese ben que o movemento dos espritos precede a toda realización na orde dos feitos. Se nós quremos o engrandecemento de Galicia, de todol-os xeitos, pirmeiro temos que facerlle tomar concencia de si mesma”. Remata pondo de manifesto o que, ao seu entender, tería que expresar a celebración da data: “O faguel-a nosa festa nacional no dia do Santo Apóstol, afirmamo-a nosa comunidá d’orixe e civilización cos pobos ultos d’Europa; afirmamol-a nosa tradición ocidental y-o futuro destino atlantico; veneramos à y-alma sagrada da Nosa Terra en culto de Lembranza e d’Espranza, místeca e creadora Saudade”.


Ben diferente é o ton da colaboración de Francisco Abelaira, “Saude e Patria”, onde di: “Porque nos pobos a soberbia e santa e a humildade vergoñosa; y-eu teño a i-alma chea d’unha soberbia que me fai berrar con Risco: ¡Galicia somos nós!”. E vaise ao caso irlandés: “Qu’o exempro vivente da mártir Irlanda sexa o aguillón que avive as nosas rebeldías; a leña que manteña aceso o lume sagro das nosas espranzas; a pólvora que faga xurdir todol-os odios e todal-as venganzas amontoadas durante séculos d’escravitude, na i-alma eterna da Galicia”. Abelaira é un dos recoñecidos arredistas do grupo coruñés e por iso apela á causa irlandesa, na altura inmersa de cheo na loita que acabaría na súa independencia.


Victor Casas, daquela aínda moi mozo, ofreceu tamén o texto político “¡Os tempos son chegados!”, que finalizaba con estas palabras: “Galicia será ceibe, non en balde catáronno os profetas da terra no século pasado; as somas de Rosalía, Pondal, Curros e Brañas alentan aos novos loitadores e danlles folgos para conqueril-o trunfo que latexa en todol-os peitos galegos. Non vai pechal-os ollos â realidade. ¡Xa chegaron os tempos! ¡Terra a Nosa!”.


Con todo, as palabras máis contundentes atopámolas na prosa “Un berro / Rebeldía – Intransixéncea” da autoría de Ignacio Rodríguez Varela, un mozo galego, membro destacado da Xuventude Céltiga de Madrid, onde residía e traballaba como empregado nunha empresa, e que morrería novo vitima da tuberculose. É o artigo que pecha o número e recolle cousas como estas: “En pé; con intransixéncea no ideial, rebeldía no xuízo e xenreira na loita, Galicia, tarde ou cedo, será dona de seu” ou “Si queremos ‘Autonomía integral’ para Galicia; si queremos que Galicia sexa unha nazón; nunha verba, si queremos xustificar o nome de nazonalistas, ha de ser con intransixéncea, sendo arredistas. Si así non fose, Galicia non sería nazón, sería unha colonia, con moita libertade si queredes, pero non con toda como é o seu dereito”.


En prosa atopamos tamén, co título “A doce fala”, un anaco traducido ao galego dun artigo que Wenceslao Fernández Flórez publicara en El Noroeste saudando con efusión a aparición do boletín A Nosa Terra. Nin que dicir ten que tiña o seu aquel de prestixio a presenza dun texto saído da pluma dun dos narradores máis populares e recoñecidos da España do momento.
A selección dos poemas é, así mesmo, significativa. Deixa ás claras os intereses políticos e culturais da Irmandade nesa altura. Así, de Lamas Carvajal seleccionan dous sonetos, “María Pita” e “Pardo de Cela”, que agrupan nun recadro titulado “Os Mortos mandan”. Como é coñecido os dous tercetos do primeiro deles son: “Ao fin venceu: a causa da xusticia / contra a torpe invasión forza é que venza; / trunfou o patriotismo da codicia: / seipan cantos nos ven con indifrenza, / que tamén hai mulleres na Galicia / que loitan pol-a nosa INDEPENDENZA”. E o dedicado a Pardo de Cela di:”Hai unha cova n’esta Pátria fermosa, / para vergoña do povo escarnecida; / n’esa cova que foi sempre esquencida, / PARDO DE CELA, o mariscal, repousa. / Xente leal da independenza nosa, / por ella batallou; man homicida, / con infame treición, quitoulle a vida: / ¡mártir foi n’esta Terra xenerosa! / O sangue do infeliz Pardo de Cela / crama venganza a Deus pol-a inxusticia / aquel que a derramou ten que bebela; / anque a cova escarnezan, a xusticia / ha de facer que rezusiten d’ela / A independenza e groria de galicia”.


O trecho seleccionado de Pondal tamén ten o seu aquel, unha octava do poema “Os Pinos”, a primeira das que xa non forman parte do noso himno: “A nobre Lusitania – Os brazos tende amigos / Aos eidos ben antigos – Con un punxente afán. / Pois cumpre as vaguedades – Dos teus zoantes pinos / D’uns máxicos destinos – nazón de Breogán”. Se antes a nación irmá era Irlanda, agora é Portugal, territorio ao que deberiamos mirar.


A cuestión idiomática tiña que aparecer nos versos e así os escollidos de Noriega Varela titúlanse “Nosa Fala”, e son versos como estes: “¿Y-a que ven ora o labrego? / Ai, amantiños, ben cego / é o que non ve pol-a criba: / ven a louvar o gallego!, / ven para que o gallego viva”. E finaliza “A devoción y-a delor / sean sempre ô seu favor!, / eu moito a venero, e creyo / que solamente no ceyo / pode haber fala mellor”.


De Curros aparecen tamén versos de índole idiomática, concretamente estes catro tomados do poema “Introducción” que abre os seus Aires da miña terra: “Ti non podes morrer… Eso quixeran / Os desleigados que te escarneceron! / Mas ti non morrerás, Cristo das língoas: / Non, ti non morrerás ¡ouh Nazareno!”.


De Rosalia xunta catro versos do “Castellanos de Castilla” con tres d’“A gaita gallega”: “Premita Dios, castellanos, / Castellanos que aborrezo, / Que antes os galegos morran / Que ir a pidirvos sustento… / … ¡Probe Galicia! Non debes / Chamarte nunca española, / Que España de ti s’olvida...” Noutro lugar, inclúe, ademais, un anaco de “Na catedral”.


O “Deus Fratesque Gallæcia” de Brañas, que leva como cita “¡Como en Irlanda / érguete e anda!”.


Nun recadro titulado “Versos de Ramón Cabanillas” figura o poema do seu primeiro libro No desterro (1913) que comeza “Alma nazonal i-ardente”, de xénea agrarista e anticaciquil e no que hai versos de loita como estes: “Axiña esperta Galicia / que xa se escupe ôs caciques / e fai ruxir a inxusticia! // ¡Xa o novo día aluméa! / ¡Xa a Socáied dos Labregos / ten chouza de seu na aldea // A noite é fría i-escura / pro ô fin, o amañescer / trainos c’o sol a quentura! / ¡Patriano, o meu rogo escoita! / Eu quero un posto a tua beira / no roxo día da loita!”.


En resumo, un número ben pensado, mais no que se botan en falta nomes relevantes. As razóns?

Un monográfico do Día da Patria

Te puede interesar