“Rexistros do silencio” trae ao Torrente o singular realismo pictórico de Guerreiro

imaxe da rúa real pintada por guerreiro e incluída na mostra
|

Considerado polos críticos como o Antonio López galego, Xosé Manuel Guerreiro regresa ao Torrente Ballester o próximo venres 18 coa exposición “Rexistros do silencio”, que ocupará tres espazos do centro cultural. Este reputado pintor realista trae a Ferrol 24 obras nunca vistas que, acompañadas doutras sete, conforman a mostra presentada onte no Concello de Ferrol.

No acto, a comisaria da mostra, Sara Donoso, destacou que se trata “dunha gran oportunidade de coñecer de primeira man obras inéditas deste recoñecido artista. Nelas hai tres eixos temáticos: a cidade, o mar e as estacións de tren. Son temas cercanos, paisaxes sen persoas feitas cunha técnica fina, un detallismo e precisión semellantes a unha fotografía, só que ao achegármonos vemos as pegadas e as manchas e a vitalidade que existe nos cadros”.

 

discurso do inerte

Pola súa banda, o propio Guerreiro agradeceu a oportunidade de regresar a Ferrol (xa estivera no Torrente en 2001) xa que “a obra que non se ve é como se non se fixera”. O artista lucense –que inclúe un cadro feito da rúa Real de Ferrol– explicou a razón pola que as súas obras carecen de figuración: “a figura humana implica un discurso concreto, e a min interésame crear unha reflexión a través do baleiro, do inerte”. Pola súa banda, o concelleiro Reyes García asegurou que “con exposicións como esta de Guerreiro tratamos de reconquistar ao público para o centro cultural, cunha mostra accesible e aberta a todo o mundo”.

Xoán Manuel Guerreiro Vázquez (Xove (Lugo), 1956) é considerado un referente da pintura figurativa tanto a nivel galego como nacional. A súa carreira artística conta xa cun amplo número de exposicións individuais e colectivas, entre as que se poden salientar “Aluguer de soños”, realizada en Lugo no ano 2009, e a participación na mostra colectiva “Realismos”, comisariada por Bernardo Castelo no Centro Torrente Ballester de Ferrol no ano 2001.

Destaca tamén a participación en feiras de arte como Espacio Atlántico de Vigo en 2011 ou De Arte no Pazo de Congresos e Exposicións de Madrid no ano 2005, entre outras. Ten ilustrado discos, libros e fixo murais como o da igrexa de San Bartolomé, na localidade lucense de Xove.

 

“Rexistros do silencio” trae ao Torrente o singular realismo pictórico de Guerreiro