Preto de 140 fogares inscritos e trinta premios a repartir no certame “San Sadurniño en flor”

San Sadurniño prepárase para lucir florido da man dun certame co que o municipio busca darlle un toque de alegría á zona, apoiar aos viveiros locais e a outras pequenas empresas relacionadas co sector primario así como apuntalar a súa candidatura para acceder ao club estatal “Vilas en Flor”, que distingue a aquelas máis engalanadas e, sobre todo, as que “veñen facendo políticas orientadas ao coidado dos entornos e do medio ambiente”.

O departamento de Desenvolvemento local do concello empezou a distribuír a planta do concurso “San Sadurniño en flor” entre as persoas que se apuntaron a decorar casas e xardíns, un total de 140 fogares.

Composicións

Todos eles terán de prazo ata o vindeiro día 22 para ter armadas as composicións e enviar dúas ou tres fotos das mesmas para comprobar o resultado final. Estas entrarán no concurso estruturado en tres categorías, con dez premios en cada unha delas: mellores composicións florais de exterior; xanelas/balcóns máis floridos; e patios/peches/xardíns máis vistosos. O fallo do xurado, que estará integrado por dúas persoas representantes de viveiros e unha por parte do Concello, darase a coñecer o 30 de xuño.

Os premios consistirán en lotes de produtos da terra adquiridos pola área de Desenvolvemento local a empresas e persoas autónomas do territorio que “participaban habitualmente na Feira da Plantación”, suspendida este ano por causa da pandemia.

Ademais, o Concello tamén vestirá de flor a fachada principal da casa consistorial e renovará a parte do xardín situado diante da Casa da Cultura, do que se encargara Florería La Feira. O Concello está a distribuir nos lotes (que non son todos iguais) oito tipos de plantas de flor para exterior proporcionadas por Viveiros Florgalicia e Viveiros Horjales-A Casa das Plantas. As decoracións deberán dispoñerse preferiblemente nun lugar onde sexan visibles desde a vía pública.

Preto de 140 fogares inscritos e trinta premios a repartir no certame “San Sadurniño en flor”

Te puede interesar