Jaione Camborda | “Quixen situar os personaxes nun espazo coa forza telúrica de Galicia”

IMG_20200209_181308_93342.70
|

A realizadora vasca visitou onte Ferrol para presentar, nos cines Dúplex, a súa primeira longametraxe, “Arima”, premio ao mellor filme na sección Nuevas Olas do festival de Sevilla. A película poderá verse esta semana nas salas de Esteiro: hoxe ás 22.00 horas, o martes ás 21.40; o mércores, ás oito menos cuarto e o xoves ás dez menos dez. 

Como enfocou a súa primeira longa despois de varias curtas? 

Trátase dun guión de ficción moi diferente aos meus traballos anteriores que durante todo este tempo tiven que estar actualizando. Ademais, hai todo un proceso de busca de equipo, de casting, de traballo cunha infraestrutura tanto material como humana moitísimo máis grande do que eran as miñas pezas curtas. Iso cambia moito o enfoque; é unha ópera prima feita por unha muller e, ademais, é cine de autor, polo que foi moi complicado poder financiar. “Arima” é froito de moita loita e por iso celebramos que xa estea circulando. Estamos moi orgullosas de ter chegado ata aquí. 
 
Ademais, vén co recoñecemento do Festival de Sevilla. 

Os premios son moi importantes neste tipo de cine, sobre todo nun festival, como o de Sevilla, comprometido co traballo de autor. Recibir ese recoñecemento axuda a que a película funcione mellor.

Cal é a historia de “Arima”? 

A historia sucede en Mondoñedo, aínda que esta zona tamén ten presenza na película, en concreto o cine Adriano de Fene. Alí viven catro mulleres e unha nena e, nun momento, chegan dous homes, fuxindo un do outro. O que foxe agóchase en Mondoñedo dun xeito un tanto fantasmagórico, que esperta esa parte imaxinaria, de anceios e medos nas mulleres. O perseguidor chega ferido, é máis violento, e tamén entra en contacto con estas mulleres. Con “Arima” pretendo falar da ollada, da relación das mulleres coa vida, entre elas e co home...

Préstase a atmosfera de Galicia a este tipo de historias entre brétema, tanto real como a emocional? 

Galicia ten unha forza especial na natureza e para min era importante situar estes personaxes nun espazo que tivese esa forza telúrica e, á súa vez, estivera un pouco suspendida no tempo. A contorna é como o mundo interior dos personaxes, un espazo moi psicolóxico. 

Cre que agora hai un maior recoñecemento por parte da industria a un cine non tan maioritario? 

Creo que non tiveron outra opción porque este tipo de cine se impuxo claramente en certames internacionais, en aceptación da crítica... Tiveron que aceptar que ese cinema é real e que agora hai unha sensibilidade e unha aceptación maior.

Jaione Camborda | “Quixen situar os personaxes nun espazo coa forza telúrica de Galicia”