O XII premio José Couso abre o prazo de presentación das candidaturas

Sargadelos Presentación del Premio José Couso
|

O Colexio de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol convocan un ano máis, e xa van doce, o premio José Couso de Liberdade de Prensa en memoria do cámara ferrolán asasinado o 8 de abril de 2003 en Bagdad, mentres cubría a guerra de Irak para Tele 5. Como el, moitos profesionais loitan día a día contra multitude de obstáculos e delicadas situacións co obxectivo de facer chegar á sociedade unha información veraz, libre e independente.
Este galardón pretente, precisamente, recoñecer e difundir o traballo “dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional”.

prazo
Como todos os anos, serán os propios xornalistas (colexiados do CPXG, socios do Club de Prensa de Ferrol ou calquera outra persoa vinculada á devandita profesión) os que terán a oportunidade de presentar as propostas susceptibles desta mención. Poderán facelo ata as 19.00 horas do vindeiro 16 de marzo, día no que se pechará o prazo.
As candidaturas, que deberán incluir unha memoria xustificativa máis o currículum da persoa ou organización proposta, serán enviadas ao correo electrónico premiocouso@xornalistas.gal. O 18 de marzo daranse a coñecer de forma pública. A partir dese día, e ata o 12 de abril, terá lugar a votación electrónica das propostas por parte dos socios do Colexio e do Club de Prensa. O gañador recibirá un diploma acreditativo e unha escultura de Manuel Patinha.

acto de entrega
O acto de entrega do galardón terá lugar o vindeiro 3 de maio, coincidindo co Día da Liberdade de Prensa, no Teatro Jofre A convocatoria foi presentada onte na galería Sargadelos de Ferrol polo presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López, e o decano do Colexio do Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, que estiveron acompañados pola directora da oficina principal de La Caixa en Ferrol, Susana Sanjurjo, entidade que colabora na organización do premio a través da “Obra Social”.
O gañador da pasada edición foi o xornalista e presentador Jordi Évole.

O XII premio José Couso abre o prazo de presentación das candidaturas