A XXVI Festa do Pan de Neda ve nacer a Orde do Bolo Cachado para premiar aos seus impulsores

Presentacion Festa do Pan de Neda
|

A Festa do Pan de Neda celebra o domingo 7 a súa XXVI edición xa, por segundo ano, como de Interese Turístico de Galicia. A grande novidade deste ano é a creación dunha orde gastronómica para distinguir ás persoas que publicitan e apoian esta celebración, a Orde do Bolo Cachado, que agora premiará aos sus sete primeiros membros.
A cita, presentada onte polo alcalde Ignacio Cabezón e a concelleira de Promoción Turística, Montse Rico, comeza o sábado 6 cunha ruta polos muíños do Belelle. Os interesados en apuntarse poden facelo ata o día 4 na Casa da Cultura. Sairán ás 10.30 horas desde a igrexa de Santa María e durante hora e media percorreran a zona ata unha degustación de produtos locais no Roxal. Pola tarde, a partir das 18.00 horas, a xornada estará adicada aos pequenos co festival Peke-Pan, cun obradoiro infantil de elaboración de pan no paseo marítimo e posteriormente xogos e bailes.
O domingo as casetas do pan de Neda abrirán a partir das 10.00 horas no paseo de Xuvia, e ás 12.30 horas presentarase a nova Orde do Bolo Cachado coa imposición das primeiras sete distincións que deberán xurar un texto elaborado polo escritor Vicente Araguas.
A continuación  José Ignacio Landaluce, alcalde de Algeciras –localidade irmanada con Neda– será o preoeiro da festa. A sesión vermú correrá a cargo do cantautor ferrolán Marcos Mella. Unha carpa acollerá o xantar popular a partir das 13.30 horas, no que este ano non haberá colas, trala presentación do ticket os comensais poderán sentarse na mesa e alí serán servidos. O menú é de 12 euros e inclúe churrasco, paella, café, postre bebida e, por suposto, pan de Neda. Pola tarde haberá animación cona charanga Parranda La Nuestra, o personaxe de Monsterchef actuará para os pequenos e ás 21.00 horas a verbena nocturna de Gallaecia Big Band despedirá a xornada festiva e gastronómica.
En canto ás previsións de asistencia á Festa do Pan, o alcalde Ignacio Cabezón aventurou que “se a chuvia non o impide, poderían visitarnos durante o día unhas 10.000 persoas”.

A XXVI Festa do Pan de Neda ve nacer a Orde do Bolo Cachado para premiar aos seus impulsores