Obradoiros para abrir o telón do Samaín en San Mateo

Obradoiros para abrir o telón do Samaín en San Mateo
Uns 700 escolares de Narón deseñaron as súas cabazas

As actividades arredor do Samaín organizadas este ano polo Padroado de Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Trasancos, de San Mateo, comezarán esta mesma tarde baixo a carpa instalada nas inmediacións do centro cívico da devandita parroquia naronesa. Alí comezarán, ás cinco da tarde, os obradoiros de maquillaxe e de decoración de cabazas.
Nesa mesma ubicación poderase ver ademais as cabazas deseñadas por alumnado de centros de ensino públicos e privados do municipio nunha actividade impulsada un ano máis desde o Padroado e que desta volta foi secundada por uns setecentos rapaces de tercero e cuarto curso de Primaria.

programa
A xornada central do Samaín en San Mateo terá lugar mañá luns. A partir das cinco da tarde haberá novos obradoiros de maquillaxe e decoración de cabazas dirixidos a todos os nenos que desexen participar. Durante o desenvolvemento da actividade servirase unha pequena merenda aos menores implicados na proposta.
A xornada incluirá tamén a participación do contacontos Celso Sanmartín, que será o encargado de entreter aos asistentes cunha divertida sesión de “Contos do samaín” –entre as 19.15 e as 20.15 horas–. Ao remate desta proposta, sobre as 20.30 horas, partirá das inmediacións do local social de San Mateo a “Comitiva de luces e tebras”, que realizará un percorrido no que os asistentes portarán candeas nas mans e que deixará constancia do arraigo da mitoloxía popular na cultura galega en torno ao mundo dos mortos.
O programa do luns rematará cun “Obradoiro do medo”, a celebrar na antiga escola da parroquia naronesa. Consistiriá nun labirinto que deparará moitas sorpresas a todos aqueles que decidan participar na actividade.

caldo
Para completar a xornada de mañá do Samaín naronés, ofrecerase aos asistentes, por un prezo dun euro, unha cunca de caldo galego cociñado por persoas da propia parroquia. Irá acompañado ademais de “liscos”, pan e bebidas sen alcol.
O apartado musical da cita correrá a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón.

Obradoiros para abrir o telón do Samaín en San Mateo

Te puede interesar