A Baixada de Carrilanas de Valdoviño quenta motores coa apertura do prazo de inscrición

Baixada de carrilanas do pasado ano | emilio cortizas
|

Valdoviño prepárase para acoller unha das súas citas máis multitudinarias. O municipio citarase os vindeiros días 11 e 12 co sempre concurrido espectáculo da inercia na XXII Baixada de Carrilanas a San Mamede, organizado pola asociación do mesmo nome. A proba quenta xa motores coa apertura do prazo de inscrición, que permanecerá aberto ata este sábado día 4. Onte, o número de solicitudes rondaba xa as 50, polo que pouco queda para completar as 70 que se admitirán como máximo.
A proba será de novo puntuable para a Copa de España, polo que se agardan competidores de diferentes puntos da xeografía galega e mesmo do veciño país de Portugal.
Tamén haberá representación da comarca de Ferrolterra –que se vai incrementando nos últimos anos–, entre os que se inclúen Javier Varela e Martín Varela, pai e fillo que compiten en diferentes circuítos estatais e internacionais.
Xunto aos participantes inmersos en probas puntuables, a cita valdoviñesa contará tamén coa asistencia de afeccionados que constrúen as súas máquinas exclusivamente para a ocasión.
De feito, e como é costume, entre os premios –haberá trofeo para os tres primeiros de cada categoría– incluiranse os galardóns ás carrilanas máis humorísticas aís como ao mellor salto.
A organización volverá habilitar unha zona de acampada gratuíta para os participantes.
O programa dará comezo o sábado, entre as 14.00 e 16.00 horas, coas verificacións técnicas e administrativas.
Entre as cinco a as oito da tarde será a quenda para os adestramentos oficiais, dando paso ao remate dos mesmos á “torrada carrilanera”, a base de chuleta, contramuslo de polo, salchichas, cachelos, pementos e pan –o prezo será de 8 euros e as reservas de mesa e venta anticipada poden facerse ata o 8 de agosto no teléfono 610 525 089–.
Esta xornada do sábado concluirá coa celebración, a partir das 22.00 horas, do V Festival de Karaoke, no que se entregarán varios premios –na categoría infantil desenvolverase de 19.00 a 20.30 horas–.
Proba
O prato forte do programa chegará o domingo, día da competición. Pola mañá, de 12.00 a 13.00 horas, terá lugar a baixada infantil (de 6 a 13 anos) e correpasillos (de 1 a 5). Trala sesión vermú e a paellada de marisco prevista para repoñer forzas (o prezo da ración será de 6 euros), ás 16.30 horas dará comezo o descenso, con dúas rondas.
O concurso de saltos (20.00 horas) e a entrega de premios (21.00) precederán á festa de clausura fixada para as dez da noite. l

A Baixada de Carrilanas de Valdoviño quenta motores coa apertura do prazo de inscrición