Manuel Bouza | “Ter a central térmica das Pontes pechada levaranos a unha catástrofe e non só en Endesa”

Manuel Bouza | “Ter a central térmica das Pontes pechada levaranos a unha catástrofe e non só en Endesa”
Manuel Bouza e Tito González, vicepresidente do colectivo, diante do camión aparcado a carón do Concello de Ferrol

Hai cinco meses que os máis de 150 transportistas que facían ese servizo deixaron de levar carbón á central térmica das Pontes. Desde entón, o colectivo, cuxo portavoz é Manuel Bouza, sobrevive como pode.

Como lembran aquel 26 de abril?

Recordámolo como un día normal de traballo porque ninguén nos dixera nada. Si que nos comunicaron que para o día seguinte non se ía traballar, pero pensamos que en dous ou tres días iamos volver. Ata hoxe...

 

A cantos transportistas afecta a parada da central?

Uns 150, máis ou menos. Non nos cargan, nin hai sitio para descargar. Moitos compañeiros están con moitos problemas, pero polo de agora seguimos todos xuntos. Esta semana tivemos unha reu-nión da mesa de traballo para ver que mobilizacións podemos facer. O martes imos á Coruña cos camións e cos turismos.

Están todos unidos?

Si, todos. E todos tamén sabemos o que vai pasar se a central non volve funcionar e Ferrolterra ten que ir mentalizándose de que o vai pasar mal se isto non se retoma.

Como se sobrevive cinco meses sen poder traballar?

Pois moi mal. Cada un ten que ir tirando do que pode, de créditos, etc. coa esperanza de que se volva traballar canto antes. Pero hai xente que o está pasando moi mal.

Son, ademais, transportistas con moitos anos de experiencia...

Trinta anos, trinta e cinco anos... O vicepresidente, Tito González, leva trinta e dous, por exemplo. Ten en conta que a día de hoxe deixamos sen cobrar dez millóns de euros que quedaban todos na comarca. Un 30% dos camioneiros é de Ferrol e Narón; outro tanto das Pontes... A iso hai que sumar a xente das compañías auxiliares... A central térmica das Pontes pechada levaranos a unha catástrofe, non só en Endesa, senón tamén en Megasa, Intasa, Alcoa... Será un caos, non só para empresas grandes, tamén para o resto. Isto quedaría sen nada. As axudas que terían que ter chegado para facer a transformación non viñeron, Endesa quedou sen elas porque non contaba con pechar... Iso é un problema moi gordo, pero moito. De facer unha transición ben feita a facer o que están facendo, pois é unha catástrofe.

Todo o mundo está de acordo en que hai que camiñar cara a descarbonización. As diferenzas están no ritmo e nas alternativas.

Non podemos tolear, iso non o podemos facer. Ou buscamos outros medios de traballo ou lle damos tempo á cousa... Quen peor o vai pasar é a xente nova. Teñen que dar tempo, dez ou doce anos, ou o tempo que faga falta, para poder facer unha transición enerxética ordenada e lóxica.

Ademais, a empresa estaba facendo unhas obras moi importantes para reducir as emisións...

Ás centrais que hai en España e por Europa adiante déronlles a posibilidade de reformarse. As Pontes foi das poucas que así o decidiu. As outras pechan todas. Endesa está a facer aquí unha transformación de 220 millóns de euros. Hai seis ou sete meses a todos os transportistas de carbón díxoselles de cambiar a maquinaria nova porque se ían retirar aquí. E catro meses despois iso xa non vale. Creo que a ministra se equivoca, como xa fixo cando se metera co diésel.

Por onde pasa a solución?

O primeiro de todo, sentarse a falar. Agora mesmo non temos goberno, pero se o houbera terían que sacarlle o céntimo verde ao carbón e mirar as posibilidades de volver poñer a central das Pontes en marcha para que a xente non se acabe de arruinar. Logo, pouco a pouco, que fagan probas para transformar. O Goberno pode saírse das emisións, como fixeron outros. Alemaña está hoxe co 37% de carbón; Marrocos está producindo carbón para vendérnolo a nós; en Francia producen con centrais nucleares ás que nós compramos. Non as queremos, pero comprámola a outros. Se hai alguén que o poida entender que mo explique.

Manuel Bouza | “Ter a central térmica das Pontes pechada levaranos a unha catástrofe e non só en Endesa”

Te puede interesar