O IES Ferrol Vello, presente no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega

O IES Ferrol Vello, presente no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega
Diario de Ferrol-2019-02-11-021-d742b76d

O IES Ferrol Vello participará hoxe, en Oleiros, no terceiro congreso da Axencia Espacial Escolar Galega, a NOSA. Esta iniciativa xurdiu hai catro anos a raíz do reto científico e tecnolóxico “MarumaSat” desenvolvido polo IES Maruxa Mallo de Ordes entre os anos 2015 e 2016 que consistiu no lanzamento dunha sonda fabricada no instituto á estratosfera.

A mesma, que ía equipada con diversos sensores, foi recollendo durante a subida –superou os 30.000 metros– datos de presión, temperatura, concentración de ozono, etc.

A este lanzamento inaugural seguiron outros dous, aos que tamén se foron sumando outros centros.

O terceiro tivo lugar o pasado mes de maio e, tras sobrepasar os 33 kilómetros de altura, hoxe analizaranse os resultados no devandito congreso.

Temas
Os representantes do IES Ferrol Vello –desprazaranse máis de vinte alumnos– participarán con dous relatorios: un deles versará sobre o estudo dos ventos na estratosfera e outro está centrado no estudo dos muóns.

O encontro, que dará comenzo ás 10.30 horas para prolongarse ata as catro da tarde, servirá tamén para presentar a web da axencia (nosa.gal) e adiantar os primeiros detalles da “MarumaSat 4”, a nova sonda na que xa traballa o equipo da NOSA.

Este novo aparello dará continuidade á lanzada o pasado mes de maio desde Ordes e que despois de varios días de busca foi atopada en Negreira, o que permitiu acceder aos datos que hoxe serán amosados no decurso do congreso.

O programa incluirá, ademais das presentacións dos alumnos dos centros implicados no proxecto científico, unha conferencia inaugural a cargo da escritora Marilar Aleixandre e outra do divulgador científico Manuel Vicente. Haberá tamén un xantar entre todos os alumnos e profesores participantes.

O IES Ferrol Vello, presente no congreso da Axencia Espacial Escolar Galega

Te puede interesar