Guillermo Pastrana acompaña á Real Filharmonía hoxe no Jofre

Guillermo Pastrana acompaña á Real Filharmonía hoxe no Jofre
Diario de Ferrol-2015-01-28-015-2c8c5ed4

A Real Filharmonía de Galicia (RFG), dirixida por Paul Daniel, regresa hoxe ás 20.30 horas ao Teatro Jofre dentro da programación da Sociedad Filarmónica Ferrolana. O concerto comezará coa “Serenata para cordas” do compositor clásico británico Edward Elgar (1857-1934). É a primeira das súas composicións, coas que o músico se confesou satisfeito e na actualidade segue a ser unha das obras máis frecuentemente interpretadas de todo o seu repertorio.
De seguido a orquestra interpretará o “Concerto para violoncello en La menor” do compositor alemán Robert Schumann (1810-1856), considerado un dos máis importantes do Romanticismo. Compuxo esta obra en tan só dúas semanas e estreouse catro anos despois da súa morte. Está recoñecido como un dos seus traballos máis atrevidos, xa que aporta innovacións e ideas orixinais na composición que o diferencian do tradicional concerto clásico.
A actuación concluirá coa “Sinfonía nº 98” do compositor austriaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), coñecido como o “pai da sinfonía”, debido ás súas importantes contribucións a este xénero. Esta obra é a sexta das doce “Sinfonías de Londres” que creou e foi composta na súa primeira viaxe á capital inglesa.

Un talento actual
Os músicos da RFG contarán nesta ocasión coa colaboración do violonchelista Guillermo Pastrana, un dos grandes talentos da interpretación actual en España. Naceu en Granada en 1983 e comezou os seus estudos aos seis anos no conservatorio da devandita cidade. Aos 17 anos continou a súa formación no estranxeiro, que culminou na cidade de Basilea. Gañou numerosos concursos nacionais e internacionais e ten ofrecido recitais e concertos como solista en diferentes cidades e festivais. Enxalzado pola crítica, o público e os profesionais cos que ten colaborado na súa carreira, todos coinciden en salientar a súa musicalidade, a calidade do seu son, afinación e perfección técnica, ademais do seu carisma sobre o escenario. Pastrana vén de obter o premio “El ojo crítico” de Música Clásica e o “Basler Musikpädagogic Preis” de Suíza.

Guillermo Pastrana acompaña á Real Filharmonía hoxe no Jofre

Te puede interesar