Os grupos de investigación do Campus de Ferrol suman sinerxias

Os grupos de investigación do Campus de Ferrol suman sinerxias
A presentación da agrupación estratéxica tivo lugar onte no marco dunha xornada de innovación | daniel alexandre

Desde o momento no que na Universidade da Coruña foi prantexada a especialización do Campus de Ferrol como Campus Industrial, na folla de ruta da institución académica herculina preveíase xa como un dos pasos a desenvolver no marco da estratexia, logo de reformular a oferta académica, a estruturación da investigación de Ferrol nunha agrupación que permita crear unha organización máis competitiva, multidisciplinar e cunha maior transferencia de coñecemento de cara ás empresas e á industria da área de Ferrol.
A boa acollida e a colaboración recibida por todo o profesorado no desenvolvemento da proposta permitiu facer realidade un proxecto que onte foi presentado en Esteiro no marco da xornada de innovación “Aposta pola industria intelixente de Ferrolterra” organizada polo Campus Industrial e que contou coa presenza tanto do contorno universitario como empresarial da zona.
O reitor, Julio Abalde, celebrou a creación dunha agrupación que integra a investigadores do Campus de Ferrol de sete grupos de traballo.
Traballo
A coordinadora da mesma, Anne Gosset, explicou que o traballo do devandito grupo, denominado i3, está orientado aos sectores estratéxicos de Galicia do naval, enerxía e téxtil.
O seu obxectivo é a creación do Centro de Investigación de Excelencia no marco da Industria Intelixente e a Fabricación Avanzada, que se chamará Ci3. A proposta, tal e como se informou onte, será presentada ante a Xunta de Galicia, que decidirá a súa aprobación. No caso de que a conceda será a primeira estrutura investigadora de Galicia orientada exclusivamente á industria intelixente,
No acto de inauguración da xornada celebrada onte, o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro, declarou que “desde a Xunta sempre se apostou porque as universidades sexan líderes en investigación na comunidade. As universidades galegas son o puntal para a I+D+i galega que precisa seguir medrando” e felicitou á UDC pola organización da xornada, “que toca temas fundamentais para o futuro das universidades”. Díez de Castro salientou tamén o a transformación “sen facer moito ruído” que se está a dar nas universidades. “Hai unha revolución silenciosa nas universidades”, insistiu.
GAIN
Na apertura da xornada, celebrada no salón de graos da Facultade de Humanidades, participou tamén a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen tamén felicitou á UDC non só pola organización desta xornada senón “pola visión e orientación deste campus cara o contorno industrial no que nos atopamos”.
Considerou tamén que “a especialización dos campus é unha necesidade e neste caso, a UDC está sabendo dar resposta ao contorno da comarca de Ferrol e da industria intelixente que desde a Axencia tamén estamos tratando de impulsar”.
Nesta liña, lembrou varios casos de colaboración entre o CIS Galicia e a UDC como un programa de deseño no que participa a Escola Universitaria de Deseño Industrial, ou a creación da primeira Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia para desenvolver o estaleiro 4.0.
A xornada continuou durante toda a mañá con diversas intervencións nas que participaron representantes de diferentes asociacións empresariais e industrias da comarca, nunha sesión que contou coa asistencia de medio centenar de persoas. l

Os grupos de investigación do Campus de Ferrol suman sinerxias

Te puede interesar