A ópera de Verdi regresa este venres ao Teatro Jofre coa popular obra “Un baile de máscaras”

A ópera de Verdi regresa este venres ao Teatro Jofre coa popular obra “Un baile de máscaras”
Diario de Ferrol-2015-02-17-013-9253e1d4

A prestixiosa compañía de espectáculos líricos Ópera 2001 estrea a súa nova obra operística, “Un baile de máscaras” (“Un ballo in maschera”), o vindeiro xoves, día 19, no Teatro Jofre. Este primeiro espectáculo da xira dará comezo ás 20.30 horas e forma parte da programación escénica elaborada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol. A voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, asumiu a presentación onte da estrea desta ópera en tres actos acompañada polo director artístico, Luis Miguel Lainz; a soprano, Pauline Rouillard; e a mezzosoprano, Liliana Mattei.
Aneiros destacou a internacionalidade da compañía lírica “que busca manter vivas as obras máis famosas do repertorio operístico co fin de que a mocidade aprenda a amalas en vivo, nos escenarios dos teatros”. Así mesmo, salientou o importante número de artistas e persoal técnico –arredor dun cento– que está en Ferrol dende o pasado venres realizando a montaxe e os ensaios previos ao estreo da xira que levará “Un baile de máscaras” por toda España e Francia.
Pola súa banda, o director artístico sinalou o bo equipamento técnico do Teatro Jofre, ao tempo que agradeceu a gran acollida que tiveron cando chegaron á cidade. Luis Miguel Lainz explicou que esta nova producción operística “ten todos os elementos para quedar abraiado con ela: escenografía, música ou vestiario”.

trama
A trama desta ópera verdiana mestura celos, vinganza, amor e morte; e está baseada vagamente na historia da asasinato do rei de Suecia. Trátase dunha ópera en tres actos con música de Verdi e libreto de Antonio Somma, baseado nun traballo previo que Eugène Scribe escribira para a ópera “Gustave III” (1833), de Daniel-François Auber, inspirada no crime histórico do rei Gustavo III de Suecia.
En 1792, o monarca foi asasinado como resultado dunha conspiración política contra el. Recibiu un tiro mentres estaba nun baile de máscaras e morreu 13 días máis tarde. Para a crítica trátase dunha das óperas mellor estruturadas e equilibradas de Verdi, cunha acción fluída e continua durante toda a obra.
O director artístico desta produción de Ópera 2001, Luis Miguel Lainz, tamén destacou na súa comparecencia ante os medios de comunicación os baixos prezos das entradas para poder gozar deste espectáculo, que oscilan entre os 18 e 30 euros, e que aínda poden ser adquiridas a través da páxina web www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural) ou no despacho do teatro municipal.

A ópera de Verdi regresa este venres ao Teatro Jofre coa popular obra “Un baile de máscaras”

Te puede interesar