A Escola de Idiomas viaxa este mes a Turquía nunha nova saída do seu proxecto europeo

A Escola de Idiomas viaxa este mes a Turquía nunha nova saída do seu proxecto europeo
Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-982136ae

Se algo caracteriza á Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, á marxe do cada vez maior número de alumnos que estudan nela, é o seu gran dinamismo e implicación en proxectos de ámbito internacional. Inmersa na actualidade no seu terceiro Comenius –un programa de dimensión europea no que participa xunto a países como Grecia, Holanda, Italia, Lituania, República Checa e Turquía–, entre o 22 e o 28 deste mes viaxará a Turquía nunha nova sesión de traballo conxunta entre todos os participantes.
O proxecto, iniciado o pasado curso baixo a denominación “FROG: Following the routes of greeness”, rematará en xuño coa cita que precisamente terá lugar en Ferrol. Grecia, en decembro, e Lituania, en abril, completan o calendario. Entre as celebradas no pasado curso, figuran as de Holanda, Praga e Italia. En todos os casos viaxa unha pequena delegación integrada por docentes e alumnos do centro.

implicación
Para acadar o seu “billete” de participación, os estudantes teñen que estar implicados nas actividades desenvolvidas na propia escola e a partir de aí sortéase entre os interesados. Lucía Saavedra (42 anos, Ferrol) e Santi Castro (36 anos, Neda) tiveron a oportunidade de asistir ao encontro en Italia, celebrado a finais do curso pasado.
Para estes dous estudantes de inglés –Santi cursa tamén alemán– a experiencia foi moi enriquecedora. “Eu animaría a todo o mundo a participar no proxecto e en todas as actividades que no marco do mesmo se desenvolven durante todo o curso, non só pola viaxe, senón porque é un proxecto moi gratificante”, di Lucía.
Para Santi, a experiencia serviulle, entre outras cousas, para comprobar que “co nivel que temos te podes defender perfectamente e é que non temos menos nivel lingüístico que outros países, como moitas veces se pensa”. O seu paso por este programa europeo permitiulles ademais  mellorar as súas competencias no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), un dos obxectivos do Comenius.
Outro fundamental é contribuír á concienciación sobre o cuidado e respecto do medio ambiente, de aí que se entrelazase co proxecto de dinamización lingüística en galego consistente na celebración de andainas por diferentes puntos da xeografía galega e que desde hai varios cursos desenvolve a Escola de Idiomas.
A primeira actividade deste curso consistirá nunha ruta ao Concello de San Sadurniño que incluirá unha visita á Horta de Conservación de Froita Autóctona e da que, como sempre, quedará testemuño na páxina web do proxecto da man das fotografías e vídeos –que este curso terán que estar tamén dobrados ao inglés– elaborados polos propios alumnos.
María José Conde, directora da EOI, di que “para nós casi é unha obriga estar implicado nun proxecto europeo. A través destes non só coñecemos outros países e culturas, senón que abrimos a escola a fóra e ao mesmo tempo os propios alumnos empregan a lingua que están a estudar con estudantes doutras escolas.
Na mesma liña exprésase Encarnación Oubiña, profesora do Departamento de Alemán e implicada tamén no proxecto. “O 50% do Claustro involúcrase directamente, e logo tamén hai profesores que participan en actividades esporádicas”, di. No tocante ao alumnado, afirma que arredor duns 500 toman parte nalgunhas das actividades deseñadas. En relación á visita deste mes a Turquía co Comenius, as sesións de traballo estarán encamiñadas basicamente á presentación das actividades multimedia interactivas elaboradas polo profesorado.

A Escola de Idiomas viaxa este mes a Turquía nunha nova saída do seu proxecto europeo

Te puede interesar