O Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega dedica este ano ao profesor e escritor ferrolán Ricardo Carvalho Calero achegará durante todo este 2020 máis de 200 iniciativas que contibuirán a recoñecer e poñer en valor a traxectoria e legado “dunha das grandes figuras do galeguismo e da cultura galega do século XX”, tal e como onte salientou o presidente da RAG, Víctor Freixanes.
Fíxoo no decurso da presentación da programación, acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; ás fillas do homenaxeado, Margarita Carballo Ramos e María Victoria Carballo-Calero; o presidente da Associaçom Galega del Língua, Eduardo Sanches; e o tenente de alcalde de Ferrol, Antonio Golpe, entre outros.
Haberá moitas e moi variadas propostas, relacionadas con diferentes eidos (literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e académico, entre outros) e a celebrar en diferentes puntos e espazos da comunidade galega.
Ferrol, cidade natal do homenaxeado, acollerá o acto central do día 17 coa celebración, no Jofre, do pleno extraordinario da Real Academia Galega nunha sesión que estará aberta a todo o público.
Este mesmo día quedará inaugurada no centro cultural Torrente Ballester a mostra “A voz presente”, que alí permanecerá ata o 31 de xullo para logo percorrer outros dez concellos co obxectivo de difundir a dimensión artística, humana e lingüística do autor.
O conselleiro de Cultura subliñou o acerto da RAG de dedicarlle o día das Letras Galegas ao ilustre ferrolán, pois “o valor da súa achega é indiscutible e ademais chega nun momento no que as persoas máis próximas, as súas fillas, poden desfrutalo, acreditando o agarimo, respecto a admiración que a vida e obra do seu pai concita”, dixo.
Destacou tamén que esta edición será amplamente participativa e internacional, xa que, por primeira vez, a devandita exposición, promovida pola Xunta, poderá verse nun concello portugués (Viana do Castelo).
No eido empresarial, volverán implicarse na conmemoración firmas como Renfe Viajeros, Gadisa, Vegalsa-Eroski ou Feiraco, mentres que no deportivo a principal cita terá lugar o propio 17 de maio coa Carreira “Camiño das Letras”.
Variedade
Multitude de actividades de lectura, viaxes culturais, roteiros, relatorios, obradoiros e proxeccións dan forma ao programa xunto ás actividades promovidas nos centros educativos polos equipos de dinamización da lingua galega ou as deseñadas polas bibliotecas públicas galegas, que volverán xogar un papel fundamental na conmemoración.
Unha festa das letras tamén moi presente na rede, a través dos espazos creados pola RAG na súa páxina web (academia.gal). O dedicado á biografía e traxectoria de Carvalo Calero está asinado por Henrique Monteagudo. A sección completarase con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se irán publicando ao longo dos vindeiros meses.
Tamén na rede, a semana pasada botou andar a nova edición do proxecto Primavera das Letras, que foi presentado no colexio ferrolán Cruceiro de Canido e que fornece aos centros educativos de recursos lúdicos e didácticos para achegarse á figura e á obra do ferrolán.
A celebración do Ano Carvalho incluirá tamén, por parte da RAG, un simposio á volta do verán que afondará desde a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que o intelectual viviu.