Regresa a Monfero o festival Grelofolc cunha proposta para os pequenos, o Nabiciña

Regresa a Monfero o festival Grelofolc cunha proposta  para os pequenos, o Nabiciña
Copia de Diario de Ferrol-2013-10-13-015-ad7de2f6

Poucos festivais poden presumir na comarca da estreita vinculación co seu entorno inmediato como o Grelofolc de Monfero que o próximo sábado 19 celebra a súa V edición desta segunda etapa. A cita á beira do cenobio cisterciense do século XII, que volve ter entrada de balde baixo unha grande carpa, terá durante todo o día actividades lúdicas para os naturais e os visitantes. Así, a cita organizada pola Asociación Cultural O Abordelo comeza ás 14.00 horas cun xantar popular que prepara Regino do Malló, o churrasqueiro oficial de Monfero, no mesmo lugar do festival. Cun prezo de 12 euros a organización ofrece churrasco, touciño, chourizo, viño, postre e café con gotas. As persoas interesadas en apuntarse poden anotarse no correo oabordelo@gmail.com e nos teléfonos 679 251 163 e 667 782 774.
A novidade desta edición vén pola celebración dun festival alternativo para os cativos, o denominado Nabiciña, xa que como reza un eslogan da propia organización “non hai grelo sen nabiza!”. Segundo os membros de O Abordelo a idea de facer este festival ten varias razóns: “Porque disque que o futuro é negro, porque disque somos un país de xente vella, por que disque na aldea non hai rapazada, non hai grelo sen nabiza!”. O programa a partir das 17.30 horas inclúe os contos de María da Pontagrada, a maxia do mago Fiz e outras iniciativas como unha merenda con chiculate ou un obradoiro de aturuxos, tanto para nenos como para adultos.

mestura de estilos
Xa pola noite, a partir das 22.00 horas comeza oficialmente o Grelofolc cun variado abano de estilos. Este ano serán as encargadas de abrilo as pandereteiras Bouba, “mulleres rabudas que escrachan botellas de anís” adiantan desde O Abordelo. A continuación actuará Taghaitaí, o festivo cuarteto de gaita, tambor, acordeón e zanfona formado por Manolo Maseda, Edelmiro Fernández, Lola de Riveira e Iván Costa.
Posteriormente será a quenda para Os Tres Trebóns, a banda coruñesa liderada por Xurxo Souto que nunca deixa indiferente ao público. Finalmente, as estrelas do cartel serán a Familia Caamagno, unha das grandes sorpresas da música galega dos últimos tempos. O quinteto, vestido de impecable estética de mafia do Chicago dos anos 30, mestura pop e rock anglosaxón dos anos 60 (The Easybeats, The Kinks, The Standells, etc.) con temas en galego adaptados ao contexto vital dos seus autores. Humor, swing e diversión son as características dos de Sigüeiro.
A organización, que apenas conta con axudas institucionais agás puntuais do Concello de Monfero e a Deputación, porá á venda rifas e camisolas deseñadas para a ocasión polo creador Diego Núñez. Un xeito de equilibrar o orzamento.

Regresa a Monfero o festival Grelofolc cunha proposta para os pequenos, o Nabiciña

Te puede interesar