Os traballadores do Concello esixen avances na negociación

|

A representación sindical dos traballadores do Concello de Ferrol concentrouse onte na escaleira principal do edificio para visibilizar a súa protesta respecto da falta de avance nas negociacións sobre as súas condicións laborais. Montaron unha mesa con café e bola con carteis de protesta como “Queremos mesa para negociar e non para almorzar”. Ó redor dunha quincena de persoas secundaron esta mobilización, acordada pola asemblea de traballadores e que se repetirá cada semana mentres non haxa novidades. 
CCOO, que non abandonou a negociación esta semana cando o fixeron CSIF, UGT e CIG, si que acudiu á protesta de onte. 
“Decidimos dar un prazo ó goberno para que trouxera propostas firmes para resolver os puntos pendentes”, explica Marité Freire, presidenta do Comité. Como non se fixo así empezaron as accións “para presionar”.
As peticións laborais pasan por “elaborar unha nova RPT (Relación de Postos de Traballo), a convocatoria do comité de seguridade e saúde ou a cobertura urxente de vacantes”, afirma Javier Sandá, presidente da Xunta de Persoal. Non hai, asegura, reivindicacións económicas nin horarias.
Ambos recoñecen que hai “moi boas palabras” por parte dos representantes políticos “pero non hai dilixencia”, comenta Freire.
O edil de Persoal, Felipe Sas, expresou a súa confianzan en que estas “pequenas diferenzias, lexísitmas e respectables” se resolvan “nuns días”. O alcalde, Jorge Suárez, tamén se amosou optimista respecto da mellora das condicións laborais dos traballdores do Concello durante este mandato.

Os traballadores do Concello esixen avances na negociación