Ferrol no patrimonio mundial: un balance pesimista

Ferrol no patrimonio mundial:  un balance pesimista
Diario de Ferrol-2016-02-21-010-ff0a68cb_1

O 24 de febreiro do ano 2001 o Concello aprobaba a proposta da Real Academia  de Bellas Artes de Galicia para que o conxunto histórico do Arsenal e dos Castelos da ría  fosen declarados Patrimonio da Humanidade. 
Quince anos despois daquela demanda institucional sabemos que aquel soño aínda non se fixo realidade. O feito agrávase cando outras candidaturas presentadas posteriormente xa foron recoñecidas, como a Torre de Hércules, distinguida no ano 2009, e os Camiños do Norte, no ano 2015.
Confeso que nunca me sentín esperanzado, a pesar de que  dende o primeiro intre me sumei  a esa demanda colectiva publicando durante o 2001 unha serie de colaboracións  nas páxinas de Nordesía do Diario de Ferrol baixo o título de Ferrol no Patrimonio Mundial. 
Posteriormente, nun acto institucional celebrado no salón de sesións do Concello, o 17 de febreiro do 2002, e presidido polo alcalde de entón Xaime Bello foi presentado o  meu libro con esa recolleita de dez artigos, editado pola propia Corporación. 
Non se pode dicir con rotundidade que o  fracaso da candidatura ferrolá fose debido á falta de apoios, porque a ela  se uniron diversas  entidades locais, como Ferrol Metrópoli, Ateneo, Club de Prensa, ou Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume y Ortegal. 
Adheríronse, tamén, numerosas institucións, como  a Xunta, o Parlamento, a Deputación provincial,  a Universidade de A Coruña e de Compostela, o Museo de Pontevedra,  numerosos concellos, incluso a Cámara Municipal de Vila do Conde, colexios profesionais, como o de Xornalistas, Enxeñeiros industrias e Arquitectos de Galicia, e a Comisión de Educación e Cultura do Congreso. Igualmente, varios autores, como Alfredo Vigo Trasancos, Juan J. Burgoa, ou Jaime Antón Viscasillas, aportaron os seus traballos para a fondar no valor deses bens patrimoniais.
Tampouco a falta de recoñecemento da candidatura obedeceu a unha carencia de cartos destinados a súa preparación e promoción, pois contou cunha importante dotación económica de axudas públicas, principalmente do Concello, e que na actualidade supera máis do millón de euros,  unha cantidade excesiva de diñeiro público investido neste proxecto que non ten visos de facerse realidade.
Tamén é verdade que dende o nacemento mesmo da proposta o Concello creou unha Comisión Municipal para el Estudio y Valoración del Patrimonio Histórico de Ferrol. Está presidida polo prestixioso investigador Juan Antonio Rodríguez-Villasante, membro do ICOMOS, que ten realizado ao longo destes anos unha importante tarefa para recuperar a inxente documentación relativa a eses bens patrimoniais, depositada en diferentes arquivos nacionais e do estranxeiro, e que hoxe en día se alberga nas dependencias do Hospicio Municipal. Esa mesma Comisión ten elaborado os planos directores e publicado unha serie de traballos individuais e colectivos, de enorme interese aínda que de reducida difusión, como Inventario e Identificación de los bienes de interés cultural, 2004, onde se recollen 49 bens patrimoniais dese conxunto do Ferrol da Ilustración, La obra de Julián Sánchez Bort, en el conjunto histórico de Ferrol y su referencia al mundo académico, 2004, Catálogo bibliográfico, 2005, con 493 entradas, (...) Informe de la base de datos sobre la zona de las defensas costeras, 2008, El modelo matemático como imagen del orden racionalista, 2010, (...) El castillo de San Felipe en Ferrol. Informe histórico patrimonial, 2011, Informe sobre la base de datos del puerto natural de Ferrol (...), 2012, e (...) Arsenal civil de la Cabana, 2012, que se incorpora a ese listado indicativo.  
Que ten pasado entón para que con todos eses esforzos aínda  non poidamos celebrar que Ferrol figure no listado do Patrimonio da Humanidade? Ao meu entender toda unha serie de razóns explican este fracaso. A pesar dos cartos investidos e das xestións municipais diante de diferentes organismos, ningunha Corporación  creou unha comisión especial de seguimento,  abonda con ler as actas municipais para comprobalo. Correspóndelle ao Concello tramitar o expediente definitivo á Xunta, como promotor da candidatura, para que o eleve ante o Consejo del Patrimonio Histórico, como paso previo para remitilo á UNESCO, pero ata agora esta esixencia segue faltando.
Tampouco está constituído un  ente xestor que leve adiante unha dirección  eficaz deses bens patrimoniais, que  é outra condición indispensable para ser aceptada pola UNESCO. 
Tamén é de lamentar a escasa implicación das diferentes corporacións municipais que en ningún momento se comprometeron de forma decidida para impulsar este proxecto, ata o punto de que nunca figurou esta demanda na publicidade institucional, que debía reclamar a atención de veciños e visitantes,  nin se solicitou a colaboración da  cidadanía, como aconteceu no caso de Lugo coa súa Muralla, declarada no ano 2000.  Na actualidade o colmo  dese desleixo é a  irresponsabilidade de deixar que unha asociación privada, Cofer, sexa a encargada da xestión da candidatura. Súmase a todo iso, o proceso de deterioro continuado dalgúns deses bens, como o propio castelo de San Felipe. 
Asemade outros organismos públicos teñen a súa cota de responsabilidade, pois non abonda cunha simple declaración institucional, senón que é necesario e urxente que comprometan todo o seu apoio para que esta candidatura do impresionante conxunto arquitectónico e monumental do Ferrol da Ilustración sexa recoñecida como un valor universal excepcional.

 

Ferrol no patrimonio mundial: un balance pesimista

Te puede interesar