Preparativos asamblearios (XXXIX)

Preparativos asamblearios (XXXIX)
Chamamento das Irmandades

Como se desprende da súa lectura, no prólogo que lle puxo Villar Ponte a O Diputado por Veiramar apenas se di nada da novela gañadora do certame promovido por A Nosa Terra. É obvio que non era ese o obxectivo. O importante era concienciar da necesidade dunha editora galega, ademais, penso, de combater, sen citalo para nada, ao suposto inimigo agachado na Editorial Prensa Gallega S.A., que, como xa se dixo en pasadas entregas, estaba editando cada dez días, desde os comezos dese ano 1919, ¡Terra a Nosa! : Bibrioteca Popular Galega. Supremento de El Noroeste”. Curiosamente, acabaría morrendo antes a Bibrioteca Galeguista. A novela de López Abente, segundo indica o colofón, acabouse de imprimir o día “3 do mes de Santiago”, mentres que en agosto de 1919, aínda verían a luz os versos das Landras e bayas de Evaristo Martelo Paumán, cos que morrería a colección tirada con “mediatizaciós alleas”.

Villar Ponte redactou o prólogo meses antes da aparición do libro –lémbrese que o fallo do concurso tivera lugar antes do nadal do ano 1918– data relativamente próxima da súa marcha pouco amigable das empresas d’El Noroeste, tal como reflicte ben o texto da carta reproducida a petición súa por El Ideal Gallego, de 22 de agosto dese ano. Datada na Coruña o día anterior, “Una carta / Villar Ponte y ‘El Noroeste’”, di:
Sr. Director de EL IDEAL GALLEGO: Mi distinguido compañero: He sido yo el iniciador de la idea de tener un periódico galleguista, diario en la Coruña. Cuando se me ha buscado, sin solicitud alguna por mi parte, para que actuase al frente de uno que prometía ser galleguista, fui rebosante de júbilo, dando muestras, en honor a la idea, de un completo desinterés. Y conste que no son palabras huecas las de ‘desinterés’ e ‘iniciativa’.

El periódico de referencia era ‘El Noroeste’. En él estuve cerca de siete meses. Compárense los primeros en que mi espiritualidad y la de mis amigos vibró en dicha hoja, con los últimos. ¿Quién no advierte que ahora es frialdad de cálculo, todo lo respetable que se quiera, lo que antes era calor cordial, comunicativo y fecundo?

Lo ha advertido la Coruña entera, cual lo advirtió también gran parte de Galicia.

Por lo tanto, como yo no sé adaptarme a ambientes helados ni sé esperar tampoco a que llegue el momento de servir ideales, pues entiendo deben servirse en todo tiempo, y como no concibo además otras hegemonías que las idóneas en el recto sentido de la palabra, he presentado la renuncia del cargo que ocupaba en ‘El Noroeste’. Así quedo desligado totalmente de este periódico y dispuesto a escribir, para satisfacción de mis queridos correligionarios, un folleto diáfano donde se puntualice cuanto conviene puntualizar.
No molestaría a usted, Sr. Director, ni molestaría tampoco a los lectores de su periódico, si en el que acabo de dejar hubiese aparecido la noticia -notable modelo de caballerosidad y compañerismo- de mi salida en lugar algo más visible que el de la sección local, donde fué a parar sin duda -así me lo figuro yo- a causa de exceso de originales de interés.

Muchas gracias y ordene a su afectísimo seguro servidor q.l.e.l.m.
A. Villar Ponte
La Coruña 21-Agosto-1918”.

O mal corpo non lle debeu pasar axiña e ata pode haber a posibilidade de que a súa belixerancia contra esa empresa xornalística afectase dalgún xeito á marcha das actividades postas en marcha por ela, mais está claro que ningún dos desexos expresados polo xornalista vivariense ían converterse en realidades: ningún capitalista galego, nin ningún Banco galego, que se saiba, puxo unha cadela para axudar a implantar unha grande casa editorial galega, co que os grandes escritores e os seus libros non puideron estar presentes nin nos mercados literarios de España e Portugal, nin nos das repúblicas latinoamericanas con emigración galega ou fala portuguesa, desideratum este que 100 anos despois segue pendente.

Nesa altura de meados de 1919, os aspectos lingüísticos e literarios eran, como sempre, importantes, mais tamén o eran os políticos. E, mesmo, os lúdicos. Así, no seu número de 15 de xuño, A Nosa Terra dedicaba o solto “Á festa da fundazón das Irmandades” a relatar que no “souto d’Elviña, n’un souto vizoso, cheo de sombra e de beleza, perto do pinal que dende lonxe somella un corazón, fixo iste ano a Irmandade da Cruña a festa, que xa pode chamarse tradicional, de relembranza da data da fundazón d’aquela entidá enxebre”. Non fala para nada de intervencións doutrinais e si de que “houbo moitas merendas e xantares” e de que os “romeiros, antr’os que locían numerosas rapazas galanas, entregábanse a xogos campestres e a bailes e cántigas”, como tiña que ser. Xa que o divertimento non impediu que fose unha “xornada enxebre, chea de ledicia e irmandade na que se rindiu un novo culto d’amore á meiga natureza nai nosa e un novo éixito para a santa causa do nazonalismo galego”.

Mais, a cuestión política tiña os seus tempos. Nun solto, “Da vida municipal / Temos que loitar”, publicado n’A Nosa Terra, de 15 de xullo, dicíase:
“O Direitorio do partido nazonalista galego ten mentes d’aconsellar a todol-os seus correlixionarios de Galicia que traballen con xeito para que nas eleiciós municipaes próisimas poida o galeguismo levar representantes de seu aos Concellos.

O nazonalismo pode e debe intervir na vida municipal da nosa Terra c’o ouxeto de sementar onde queira o espírito galeguista e a honradez cidadana.

Conquerindo postos nos Concellos, teremos a cotío tribuas para a porpaganda do ideal da redenzón galega. Por iso o Direitorio do partido nazonalista ven estudiando o asunto do xeito qu’é comenente facelo. Os nosos amigos de tódol-os pobos da Patria teñen, pois, que pensar n’isto con moita seriedá. Alí onde se poida levar un edil nazonalista ô Concello, hai obriga d’ire â loita. Mais o tempo urxe e percisase facel-as cousas con tempo.

As improvisaciós cadran mal”.
Facíase preciso, por regulamento, convocar a II Asemblea, onde o tema central do debate había ser o da participación nas eleccións municipais. Mes e medio despois da aparición desa nota que recomendaba facer as cousas con tempo, o 5 de setembro, aparecía outra n’A Nosa Terra, baixo o rótulo “A II Asambleia nazonalista”, da que parece desprenderse que tomaban as cousas co tempo debido. Así, a información céntrase en comunicar que o directorio está no tema de “convocar a tódol-os nazonalistas galegos á II Asambleia anual” que “será moito máis importante que a primeira”. Indicaba, ademais, “inda non s’acordou onde ten de facerse”.

Se cadra por ir gañando tempo, e sen que estivesen fixadas as datas, nin para a asemblea, nin para os comicios, a “Seición política” da Irmandade da Fala coruñesa decidiu elaborar o comunicado “Aos Irmans da Fala da Cruña” para publicitar nas páxinas d’A Nosa Terra. Apareceu no número de 25 de setembro:
“As ‘Irmandades da Fala’ coidan preciso a sua intervención na vida municipal dos povos pra conquerimento do seu ideal. A ‘Irmandade’ da Cruña, comezou xa os traballos preparativos para a próxima loita electoral, e fai saber a todol-os irmáns e simpatizantes da nosa Santa causa, maiores de 25 anos, a obriga de axudar na medida das suas forzas. Horas de oficina de 9 a 11 da noite”.

Téñase conta do horario, indicativo de que contaban con militancia comprometida e disposta a investir horas ao servizo da causa. l

Preparativos asamblearios (XXXIX)

Te puede interesar