“Os decanos marcarán os criterios máis axeitados para realizar fusións”

“Os decanos marcarán os criterios máis axeitados para realizar fusións”
El Ideal Gallego-2015-09-13-008-c261a198_1

Doce anos ao servizo da comunidade universitaria dan para moito e con diversos logros ás súas costas, o reitor, Xosé Luís Armesto, anunciou esta semana que non optará a ser reelixido.

Acaba de anunciar que non concorrerá á reelección. Ademais da idade, hai algunha outra motivación? 

Non. É por manter o respeto institucional: cando remate o mandato estarei próximo a cumprir os 68 anos e podería presentarme e estar dous anos, pero os mandatos son de catro anos e a institución necesita ter un equipo á fronte que poida ter un proxecto para esos catro anos. 

Non se pode manter como reitor cumpridos os 70? Pensa volver ao traballo docente?

Non, nin como reitor nin como profesor. Como funcionarios temos a obriga de xubilarnos obligatoriamente aos 70. Respecto ao de profesor, non o teño totalmente decidido pero posiblemente me xubile.

Hai unha data concreta para as eleccións? Deixará unha candidatura de continuidade?

Como son habitualmente: na primeira quincena de decembro.  Dende o momento en que es reitor o eres de toda a comunidade universitaria pero cando presentei a miña candidatura era dentro do grupo Nova Luce e é razonable que o grupo presente outra. O que pasa é que eu anuncieino na inauguración do curso e as eleccións non se convocarán ata asegunda quincena de outubro polo que aínda non a hai. 

Un dos problemas do mandato foron as débedas. Como están as reclamacións á Xunta?

Houbo unhas discrepancias na execución do plan de financiamento que está a piques de rematar, correspondente a 2010-2015. Non estábamos dacordo coa filosofía que tiña e aínda despois de ter aceptado a súa aplicación, porque non quedaba outra opción, na nosa opinión fóronse cambiando as regras do xogo a medida que pasaban os anos cambiando as referencias de cada ano. Iso levounos a plantexarllo á Xunta xa no ano 2014. Non tivemos acordo para dirimir esas diferenzas e decidimos acudir aos tribunais. Agora temos presentada no contencioso-administrativo unha reclamación polos tres últimos anos que sube a 8,7 millóns de euros. 

Pero xa restableceron o compromiso de gasto...

O conflito levou a uns desaxustes orzamentarios, sobre todo no 2015 que é cando remata o plan.  A día de hoxe, consecuencia desa medida responsable e prudente que tomamos, de diminuír o gasto corrente para pagar a proveedores, a porcentaxe de compromisos adquiridos e pagamentos é superior ao 90%. A medida foi efectiva e agora retomamos a autorización do gasto corrente cunha diminución das cantidades respecto das orzadas.

O enfrontamento xudicial resolverase antes do seu adeus?

Non o sei. O que lle pedimos nesa reclamación é que haxa un perito do Consello de Contas ou xente especializada porque son temas complexos de detalle, de contabilidade financieira.

Por onde pasa o futuro da Universidade? 

Eu son optimista e calquera tempo futuro vai ser mellor. Iso vai depender de todos nós. Non só do reitor; estamos a mostrar que as cousas están mudando a nivel político e social. A sociedade civil vai marcando as pautas e esa e a miña esperanza.

Segue aberta a polémica das fusións de centros. Como vai a análise das posibles unións?

Inicialmente pensabamos que se podían resolver algúns temas puntuais que tiñamos máis ou menos claros pero o retorno que tivemos por parte da comunidade universitaria foi que era mellor facer un estudo máis completo para toda a institución. Levamos 25 anos coa mesma estrutura e agora que temos ese retorno imos facelo con calma porque é o mellor momento e a comisión está designada. 

Xa está a traballar?

Nas próximas semanas lle remitiremos información de todo tipo, por exemplo, das experiencias doutras universidades españolas e europeas e tamén toda a situación xurídica e legal autonómica e estatal para poder ir dando pasos seguros. Independentemente de que haxa cambio na Reitoría, o próximo responsable terá que darlle un novo impulso. 

Ao seu xuízo, cantas unións son precisas ou axeitadas?

Nos plantexabamos catro mirando as que compartían edificios, tiñan poucos estudantes ou poucas titulacións. Pero esa comisión, na que estarán todos os decanos, marcará os criterios que  lle parezan os máis axeitados. Froito da reflexión sairá o que saia tanto no campus coruñés coma no de Ferrol.

Poderían desaparecer titulacións con poucos alumnos?

Temos algunhas que non teñen o número mínimo esixido pola Xunta para os estudantes de grao nas que poñemos sobre a mesa planos de viabilidade que nos funcionaron como a das filoloxías, da estrutura en árbore con cursos comúns. Estamos a estudar o mesmo para Humanidades ou Documentación. Se ese non é o camiño axeitado, entre a Administración e a Universidade buscaremos outras alternativas. 

Hai un horizonte temporal?

Non, preferimos ir reflexionando e buscando acordos e cando os temas estén maduros implementalos. Mirando outras universidades foron entre seis e dez meses de traballo para atopar una decisión consensuada. 

Que outras apostas vai ter a Universidade da Coruña?

De cara ao futuro próximo e medio ten que centrarse o foco nos mestrados e deixar que se estabilicen os graos. Hai que potenciar a oferta e ter uns mestrados con máis créditos. 

Cando menos marchará co logro da residencia...

Tivemos un papel de dinamización e impulso da residencia pública que é moi importante. Contamos co compromiso de que para o próximo curso poderemos ofertar 100 prazas no edificio do Calvo Sotelo con prezos públicos e xestión pública e hai evidencias de que os estudantes Erasmus valoran moi positivamente iso.

“Os decanos marcarán os criterios máis axeitados para realizar fusións”

Te puede interesar