O comité de Navantia dirixe ao ámbito político o novo calendario de protestas

rueda prensa CIG
|

Os representantes dos comités de empresa de Navantia nos estaleiros de Ferrol e Fene anunciaron onte un novo e intenso calendario de mobilizacións en defensa do sector naval que se prolongará ata o vindeiro mes de maio, data na que terán lugar as eleccións municipais.
As protestas estarán presentes nas rúas mais tamén irán dixirixidas en gran medida ao ámbito político, inmerso neste 2015 nunha auténtica voráxine electoral coas convocatorias municipais e xerais.
“É un calendario de mobilizacións no que non imos agochar un aproveitamento do momento político”, comentaba onte o voceiro do comité de empresa, Ignacio Naveiras.
Neste sentido, os comités tentarán establecer contactos con todos os partidos políticos para trasladarlles a súa visión, “poñela en común, e evidentemente buscar unha sintonía cando menos en todos aqueles que non son do Partido Popular, ao que levamos catro anos trasladando as nosas reivindicacións”, dixo.

mocións
Así mesmo, no eido municipal, propoñerase a presentación dunha moción para recabar o apoio “incondicional” ao sector e aos estaleiros da ría de Ferrol por parte das corporacións locais.
Pero a loita continuará tamén na rúa. Así, o vindeiro 26 de marzo, desenvolverase unha marcha reivindicativa por parte dos traballadores das factorías de Fene –que partirán desde as instalacións da antigua Astano– e de Ferrol, que confluirán cos seus compañeiros nas Pías para desde alí dirixirse todos xuntos ata o Edificio da Xunta na Praza de España e ao Concello. Para o 16 de abril fixouse a “volta á ría” que un ano máis desenvolverán coa intención de visibilizar entre a cidadanía a delicada situación da industria e aínda está pendende de concretar a data da acción que se fará coincidir co pleno municipal de Ferrol.
O intenso calendario rematará cunha “gran acción comarcal”, prevista para o domingo 10 de maio e aberta a toda a cidadanía “en defensa unha vez máis do naval, de Navantia, e en definitiva da economía da comarca”, apuntou Naveiras.
O voceiro do comité lembrou ademais cifras como o do 56% de subactividade rexistrada no 2014, tal e como recoñeceu a propia Navantia, e denunciou tamén o deterioro por parte desta das condicións de traballo tanto dos operarios da principal como dos das auxiliares.
Afirmou así mesmo que non é só a actitude empresarial da compañía pública a que intenta mermar as condicións laborais dos traballadores tanto da principal como das auxiliares ou a que desvía o rumbo do que tería que ser unha empresa como Navantia, senón que todo isto está sustentado polo goberno. Un goberno que, segundo lamentou Naveiras, dálle a espalda ao sector naval, contra o que os traballadores, lonxe da resignación, van seguir loitando.

O comité de Navantia dirixe ao ámbito político o novo calendario de protestas