Gumersindo Galego | “O que leva pasando aquí durante os últimos mandatos conduce á decisión lóxica que se tomou”

Gumersindo Galego | “O que leva pasando aquí durante os últimos mandatos conduce á decisión lóxica que se tomou”
Fene Gumersindo Galego y Xosé manuel Bastida rueda prensa

Gumersindo Galego (PP) revalida a Alcaldía de Fene despois de que o pasado sábado o PSOE –con catro concelleiros– non apoiase ao candidato da lista progresista máis votada, a do BNG que empatou a concelleiros, seis, cos populares.

Esperaba ser investido alcalde o pasado sábado?
Entraba dentro do posible. A lei é así e na primeira volta precísase maioría absoluta e na segunda volta sae a lista máis votada, que fumos nós. Levámolo sendo tres mandatos, e dando cumprimento á lei aquí estamos.

O feito de seren a lista máis votada refrenda o seu traballo á fronte do goberno o último ano?
Non hai que valorar só o último ano á fronte do goberno, hai que valorar tamén que no mandato 2011-2015, con seis concelleiros, gobernamos por catro anos.

O pasado luns Gonzalo Caballero adiantaba que se tomarían medidas na agrupación local do PSOE de Fene.
Non o entendo. Supoño que como en tódolos partidos, ao igual que no noso, os afiliados e militantes terán algo que dicir non? Non é só seguir as instrucións a raxatabla desde arriba porque cando se trata das eleccións municipais hai que baixar un pouquiño ao detalle. O que leva pasado aquí durante os últimos mandatos conduce á decisión lóxica do que se tomou.

Preséntase un goberno difícil sen maioría absoluta?
Non, en absoluto. Non por nada senón porque é unha situación que xa temos vivido en 2011, cando gobernamos con seis concelleiros, cando quen lle deu o goberno ao Partido Popular foi o Bloque Nacionalista Galego, ao non votar polo candidato do PSOE. Nós durante eses catro anos gobernamos sen problema, falando con uns e con outros e fomos capaces de sacar en catro anos tres orzamentos. O tripartito non deu sacado ningún.

Cales van ser as súas prioridades os próximos catro anos?
Prioridades hai moitísimas porque hai unha carencia de infraestruturas moi grande. O primeiro, se se pode, é achegar o saneamento a todo o concello e completar a rede de abastecemento de auga, que tamén é unha necesidade cada vez máis acuciante. O mantemento das pistas municipais igualmente. Nós aí levamos varios anos facendo aglomerados para que o que fagas perdure e tamén hai retos importantes como a adaptación do PXOM á nova Lei do Solo de Galicia. Temos o problema dunha infraestrutura con Adif que non da saído adiante: a vía do tren que divide a parroquia de Perlío en dúas....
A licitación do suministro e mantenemento de auga potable no concello tamén é outro proxecto importante porque a empresa Viaqua ten rescindido o seu contrato desde novembro de 2018. Neste punto quero destacar os logros acadados neste ano con tres sentenzas favorables ao Concello e en contra das reclamacións ilexítimas que facía a empresa Viaqua e que aforrou a tódolos vecinos de Fene case un millón de euros.

Que proxecto lle gustaría ver rematado ao final deste mandato?
O tema do alcantarillado, o do abastecemento e o mantemento de pistas municipais. Logo o outro son infraestruturas que hai que afrontar como o polígono de Vilar do Colo ao que hai que prestarlle atención porque se está acabando o solo industrial e hai que buscar máis, para o que haberá que procurar a implicación dou-tras administracións.

Falando de Vilar do Colo, en que punto está o tema do regulamento do punto limpo?
Este ano avanzouse bastante neste tema. Teñen remitido xa ese regulamento os concellos de Cabanas, Ares, Mugardos e Neda; Mugardos e Ares xa o aprobaron e agora únicamente queda Cabanas e Neda por aprobalo. Eu supoño que Neda se incorporará pero estes tres meses de eleccións foron de parálise total e ese é un tema que hai que retomar xa.

Gumersindo Galego | “O que leva pasando aquí durante os últimos mandatos conduce á decisión lóxica que se tomou”

Te puede interesar