Finalicei a entrega anterior referíndome a un solto, “A Academia Galega”, aparecido nas páxinas do número d’A Nosa Terra de 1º de marzo no que a Irmandade da Coruña expresaba a súa opinión contraria á posible elección de Ponte Blanco para presidir a Academia.
No solto dicíase que “A Academia, que é a representación máis outa dos nosos valores espirituás, non pode estar presidida por quen en todo momento ten demostrado un enorme desconocimento das cousas de Galicia e que non fixo endexamais nada que lle faga acreedor, non xá ao posto de presidente, senón ao de figurar como académico de número. Mais pase esto que xá está consumado e que ademais non é somentes o señor Ponte y Blanco quen se atope n’ese caso. Pero de ningunha maneira, por dinidade de Galicia e pol-o que siñifica a Academia, débese consentir que prospere tan enorme cacicada”. E, acto seguido, preguntábase o autor do texto: “¿E que non hai na Cruña quen poida ser presidente da Academia con maiores méritos que o que se pretende elexir? Todos sabemos que os hai, e por eso mesmo é mais inaguantabre a actitude descastada e noxenta de quenes aspiran a cometer a mais grande cacicada que recordará a Nosa Galicia, tan escarnecida de tanto cacique”.
O artigo finalizaba cun chamamento á protesta porque os interesados no asunto aínda estaban a tempo de recoñecer o seu erro.
Mais, a xunta directiva da institución académica, composta por Estrada Catoyra, Ponte Blanco e Eladio Rodríguez, xa tomara a decisión de que Ponte fose o candidato. Así -como ten investigado Victoria Ruíz de Ojeda-, Estrada e Eladio Rodríguez, presidente e secretario, enviaran unha carta -datada a 23 de decembro de 1923- aos académicos para solicitarlles o apoio para esa candidatura, algo, ao seu entender, fundamental para a vida da Academia. Crían que nese momento debían primar a representación social, o tacto e a prudencia da persoa e non os méritos literarios. Pero non todo o mundo o entendía así.
Por iso Abelaira, Benito Ferreiro, Arturo Taracido, Alfredo e Luis Somoza, Víctor Casas, Iglesias Roura, Monasterio, Leandro Carré, Ánxel Casal, Míguez e dous máis non identificados pola rúbrica, todos eles destacados militantes de vello da Irmandade coruñesa, que deberon ter noticia da carta a favor da candidatura de Ponte Blanco enviada por Estrada Catoyra e Eladio Rodríguez aos académicos por algún destes vinculado á organización irmandiña, isto é, Lugrís, Carré Aldao ou Florencio Vaamonde, elaboraron unha carta para enviar aos xornais dando conta da situación.
No seu número de 27 de febreiro de 1923 o diario El Compostelano publicou o artigo “La presidencia de la Real Academia Gallega”. Nel reproducía, “por entender que se trata de un asunto de verdadera trascendencia para la cultura gallega y porque nos creemos en el deber de velar por el prestigio de una institución que bien dirigida y orientada puede prestar relevantes servicios á nuestra región”, a carta que un numeroso grupo de “intelectuales coruñeses” -non inclúe os nomes- dirixira aos socios de número da Real Academia Galega residentes en Santiago. Nela expresábanlles que tiñan noticia de que algúns elementos da institución trataban de designar, para substituír o finado presidente Andrés Martínez Salazar, “de imperecedera memoria para nuestras letras”, o señor Ponte Blanco, quen, na súa consideración, no terreo científico e literario non estaba á altura do cargo, como demostrara no seu discurso de presentación como académico, onde revelara un descoñecemento total da arquitectura e da arte galegas. Pregábanlle, pois, aos académicos residentes en Santiago que lle concedesen ao asunto a importancia transcendental que tiña. Aos asinantes da misiva importáballes que o prestixio da Academia non sufrise menoscabo. Por iso, aínda que coruñeses o lamentasen, considerarían preferible, se na Coruña non houbese persoa indicada para ostentar o cargo de presidente, o traslado da Academia a calquera outra cidade onde non se presentase esta dificultade. Os redactores da carta, que manifestaban non ser académicos de número, concluían a mesma sinalando que só os guiaba o maior ben e prestixio de Galicia.
Da carta fíxose eco o Galicia de Vigo do día seguinte, 28 de febreiro. Na sección crónica de Santiago, facía un resumo da mesma e engadíalle a noticia de que o Seminario de Estudos Galegos se dispuña a intervir “en este asunto de tan vital importancia para la cultura galaica”, intervención da que non teño noticia.
Poucos días despois, o 2 de marzo, este mesmo diario vigués publicaba o editorial “Nuestras corporaciones representativas / La Academia Gallega”, no que entendía que para suceder aos dous prestixiosos presidentes que tivera a institución cumpría que a persoa elixida respondese á alta significación da Academia, “si se ha de hacer honor a su nombre, y al prestigio de que debe estar aureolada, sin que jamás el menoscabo se acerque a sus puertas”. Dicía despois que soaba para o cargo un nome que lles mería todos os respectos mais que non xulgaban “el más a propósito, ni mucho menos, para la continuación que, en efectividad e importancia, debe tener la obra de la docta entidad”. Finalizaba manifestando que se resistían a admitir como probable a comisión desa lixeireza que se atoparía coa súa protesta e a dos sectores de Galicia que exercía unha honesta vixilancia da vida cultural do país.
El Ideal Gallego, de 7 de marzo, “Por el prestigio regional / La vida de la Academia Gallega / El nombramiento de Presidente”, despois de manifestar que por razóns de prudencia se sentiran obrigados a permanecer en actitude expectante, crían ter chegado o momento de intervir para aclarar algúns conceptos “para evitar el fácil extravío de la pública opinión”. Di que o xornal procurou informarse de onde saíra a iniciativa, citada na carta citada do grupo de intelectuais coruñeses, de quen debería presidir a institución e indica que única e exclusivamente “surgió tal iniciativa de la Junta de Gobierno de la Academia”, así como que as primeiras noticias que tiveron os académicos residentes na Coruña foran as que lles comunicaran os residentes noutras localidades.
O diario católico e rexionalista coruñés entendía, “sin censuras ni cargos a nadie”, que a Academia había tempo que arrastraba unha vida incolora e non estaba, como debera, a ton coa marcha dos sucesos -reférese ás decisións da ditadura de Primo de Rivera- que podían influír no progreso de Galicia. E por iso, dicíase, que a Academia debía pór término ao estado anormal no que se atopaba, superando, ademais, os prazos estatutarios de catro meses para elixir presidente. O xornalista manifestaba a súa crenza de que na Coruña había académicos con merecementos para ocupar o cargo, e se non for así, que o poñía en dúbida, debía irse pensando en mudar de localidade o “mejor aún, en la conveniencia de disolver la Academia”.
Por eses días, o 13 de marzo, Eladio Rodríguez, director de El Noroeste -non se conservan exemplares deste diario destas datas, mais hai referencias-, publicou un editorial no que acusaba os citados asinantes da carta de intentar destruír a Academia. La Voz de Galicia do día seguinte, 14 de marzo, manifestaba que no seu día non quixera dar alas á campaña dos asinantes da carta “en que se atisban egoísmos y ambiciones mal fundados y acaso un oculto deseo de llevar el desprestigio a Corporación tan respetable y digna de general estimación y apoyo”. Ao seu xuízo a cuestión da presidencia debían resolvela “con talento y ecuanimidad, libres de toda presión que no sea la consciencia del propio decoro individual y colectivo los mismos académicos”. Mais, agora, que El Noroeste botara luz sobre a trama urdida nunha institución nacionalista, que con en diversas ocasións lanzara ataques contra orientacións da Academia e outras entidades e persoas prestixiosas que as presidían, se sentía obrigada a intervir. O diario coruñés non cría que tivese a menor xustificación o intento duns cantos señores de pretender, cunha circular inspirada en móbiles, talvez non desinteresados, coaccionar a vontade dos académicos en favor ou en contra dalgún candidato á presidencia dunha corporación que se debía rodear de todos os respectos.