Preto de 2.000 escolares festexarán mañá Os Maios na Praza de España

Preto de 2.000 escolares festexarán mañá Os Maios na Praza de España
Maios colexio Ludy en Portanova

A celebración dos Maios, moi presente curso tras curso no calendario académico dos centros educativos, toma pulo este ano coa gran xornada que arredor desta festa primaveral terá lugar mañá venres na Praza de España baixo o título “Ferrol, de frores cuberto”.
A idea inicial da Equipa de Normalización Lingüística do Ludy de centralizar nun espazo común a actividade floral dos colexios interesados obtivo non só o respaldo da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e do Concello de Ferrol, a través da área de Educación –organizadores da cita– senón tamén dos propios centros, tanto públicos como concertados.
Doce serán finalmente os que mañá tomarán parte nunha proposta que reunirá a preto de 2.000 escolares –Ludy, Belén, A Laxe, Ponzos, Pazos, Recimil, Isaac Peral, Manuel Masdías, Cristo Rey, Lestonnac, Cruceiro de Canido e San Xoán de Filgueira–.
O programa, que tamén conta co apoio de entidades como Geriatros Ferrol ou a Fundaçom Artábria, dará comezo ás dez da mañá coa elaboración dos respectivos maios por parte dos alumnos así como a interpretación das tradicionais coplas, danzas ou lecturas de manifestos sobre a celebración –a presentación da xornada correrá a cargo de Teatro dos Ghazafelhos–.
A continuación, e trala merenda que se lles proporcionará aos alumnos grazas á colaboración de Gadis –unha mazá e unha botella de auga– será o turno para o concerto musical de Chuches Amil (Fran Amil) co seu espectáculo “Un conto ao revés”.

organización
A organización desta novidosa actividade, que chega con intención de continuar no tempo, coincide coa celebración do 25 aniversario da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.
Un dos seus representantes, Xil López, salientou o incremento da participación que se está a constatar nas actividades organizadas desde un colectivo cuxo obxectivo principal é contribuír á normalización da lingua galega e ao fomento do seu uso entre os escolares.
Nesta liña enmárcanse outras da propostas que veñen convocando cada ano, como o ciclo de Teatro con G –no que están implicados once centros escolares que representan as súas propias pezas máis catro grupos profesionais–, xa en marcha este curso, ou o Festival da Mocidade coa Lingua, que recentemente reuniu a centos de estudantes no Auditorio Municipal.
O concelleiro de Educación e Cultura e o alcalde de Ferrol subraiaron a importancia das actividades da Coordenadora “na defensa da lingua e tradicións galegas”, dixo Suso Basterrechea nunha cidade, ademais, como a ferrolá, onde o galego vive momentos de dificultade desde hai tempo, engadiu Suárez.

Preto de 2.000 escolares festexarán mañá Os Maios na Praza de España

Te puede interesar