Entre o xoves e o sábado Narón será un dos centros mundiais da narración oral grazas ao seu IV Festival Internacional nesta materia, unha cita que reunirá en varios espazos do concello a contacontos de Galicia, España e Sudamérica.
A actividade do Padroado de Cultura comeza o xoves cun curso de narración oral impartido polo valenciano Félix Albo. O venres 18 o programa ábrese no café-teatro do Pazo da Cultura ás sete e media da tarde coa presentación do libro de relatos “Café só” (Morgade), da escritora pontesa Anabel Alonso. Unha hora despois estará no mesmo lugar o narrador gaditano Pepe Maestro. Ás 20.30 horas, pero no Centro Cívico do Val, actuará o actor galego Avelino González (que visitará o propio venres pola mañá o CPI O Feal). A peruana Marissa Amado estará tamén ás 20.30 horas do venres en Xuvia, e a cubana Coralina Rodríguez presentará as súas historias no centro cívico de Sedes.
narrando en familia
O sábado pola mañá, ás 11.30 horas, o centro cívico de San Mateo acollerá o espectáculo “Contos en familia”, con Pepe Maestro, e á mesma hora, pero na ludoteca municipal da Solaina, estará narrando as súas historias Coralia Rodríguez.
Como fin de festa, os contacontos levarán a cabo unha intervención oral e colectiva no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas. Nela participarán Pepe Maestro, Avelino González, Coralia Rodríguez, Marissa Amado e Félix Albo.