O concerto de Caxade abrirá o vindeiro martes a celebración das Letras Galegas en Narón

Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-f21d82b9
|

O Concello de Narón centralizará nas xornadas do 16 e 17, baixo unha gran carpa instalada na Praza da Lectura en Santa Icía, a conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao escritor ourensán Carlos Casares.
O martes, estará enfocado ao público xuvenil e adulto co concerto que a partir das 21.30 horas ofrecerá o músico galego Alonso Caxade e a súa banda para interpretar un completo repertorio musical cargado de pop-folk e con temas nos que tamén se mesturan outros estilos.
Caxade conta cun amplo currículo profesional, recibindo en 2016 o premio Martín Códax na categoría de folk, no certame de Música Xove e na categoría de mellor artista no “XII Premios Opinión”.
A xornada do mércores 17, pensada fundamentalmente para o público infantil e familiar, inclurá variadas propostas durante todo o día. A primeira terá lugar ás 11.30 horas, coa representación da obra “O vendedor do fume”, a cargo da compañía Teatro Ghazafelhos. A peza, cargada de humor, conta a historia dun vendedor de remedios que chega a unha vila e os oferta á veciñanza para curar males.
Ás 12.30 dará comezo unha sesión DJ infantil, con “Picadiscos María Faltri”, vocalista da Banda das Apertas de Magín Blanco.
Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, dará comezo o espectáculo “Brinca Vai!”,con Paco Nogueiras, que achegará ao público un amplo abano de estilos musicais.
A continuación, sobre as 19.00 horas e como peche á programación, celebrarase a proposta músico-teatral “Fantasía con palabras”, de María Faltri e Jorge Juncal. Así mesmo, as persoas que se acheguen á Praza da Lectura terán a oportunidade de visitar e participar nun espazo de lectura que se habilitará baixo unha segunda carpa, con obras de diferentes autores. A programación foi deseñada polo Padroado da Cultura e as concellerías de Ensino e Festas. l

O concerto de Caxade abrirá o vindeiro martes a celebración das Letras Galegas en Narón