O tema do ensino 2 (XCIC)

O tema do ensino 2 (XCIC)
La Primera Luz (1968, 2ª edición)

Concluía a anterior entrega falando de como o número 15 de agosto de 1923 d’A Nosa Terra se abrira coa publicación das “Bases das Escolas do Insiño Galego / Anexas á ‘Irmandade da Fala’ na Cruña” e de como se potenciaba o feito desta creación insertando pequenas mensaxes nese propio número e nos inmediatamente seguintes. Quedou, así mesmo, reflictida a primeira relación de socios protectores coas cantidades aportadas por cada un deles.
No número seguinte do boletín irmandiño, de data 1º de setembro, vai aparecer o artigo “Escolas do insiño galego. Pol-o ben de Galicia”, da autoría de Ánxel Casal –que había converterse no elemento fundamental do funcionamento das escolas–, no que non é difícil albiscar un chamado a facer ao redor da defensa das escolas un vértice de converxencia que puidese acabar cos receos e as intransixencias entre nacionalistas.
Polo seu interés reproduzo na súa integridade:
“Despois de lidas as Bases d’as ‘Escolas do Insino Galego’, que se pubricaron no derradeiro número de A NOSA TERRA, temol-a seguranza de que non haberá ningún galego que non se teña decatado d’a enorme importancia que ten ista nova labor que se impuxo a Irmandade da Fala na Cruña.
Pero nós, que arelamos fondamente o que iste proieito sexa levado â práitica, queremos facer resaltar unha das moitas ventaxas que lle reportará ao galeguismo, despois do de instruir os nosos rapaciños.
As listas dos socios proteitores d’istas escolas serán o vértice onde converxan todol-os galegos que desexan sinceiramente o benestar da Patria. O mesmo os que loitan á peito descuberto nas difrentes instituciós que representan á nova Galicia; que aqueloutros que, a pesar de sentir o fogo sagrado do amor a Terra, inda veña actuando dentro dos antigos moldes atados á eles pol-a forza d’os intreses creados e pol-a falla de decisión.
D’ista coincidencia n’unha mesma asociazón xurdirán o respeto e a compenetración necesarias entre todol-os amantes da Terra, acabando d’unha vez para sempre con todol-os receios e con todal-as intransixencias de que moitos veñen facendo alarde en xustificazón da sua inactividade ou da postura que contra o seu pensar adoutaron.
Ao desaparecer istas divisiós fortificaránse as filas galeguistas, matando así o virus do divide e vencerás, que parece haber sido inoculado no noso movimento pol-os enemigos da redenzón de Galicia, que non son os únicos que se beneficiaron e se beneficiarán si seguimos por tan trabucado camiño, namentras perxudicamos o Sagro Ideal que n-un comenzo axuntounos.
Porque temos en conta o ben que se lle fai á Galicia con ista Grande Obra, cuios cimentos xa están postos, non dubidamos que o que deixamos apuntado mais arriba será axiña unha leda realidade; pois non queremos creer que haxa ningún galego que se expoña, cando vexa un neniño nado en Galicia que non seipa lêr, á ter que acusarse ante a sua concencia de têlo condenado á morte espiritual, por non imporse o sacrificio de contribuir ao sostenimento das “Escolas do Insino Galego”. Nin ningún loitador que por un mal entendido amor propio siga retrasando o día da liberación de Galicia”.
O tema da necesidade de facer realidade a presenza do idioma e da cultura do país nas escolas, se se quería conservar as esencias de Galicia que, obviamente, está presente nas Bases, non era novo. O galeguismo tivérao claro desde os seus inicios. Non esquezamos que xa en 1859 se editara en Vigo La primera luz / Libro de lectura para uso de las Escuelas de primeras letras de Galicia, da autoría de Manuel Murguía, libro que, ao dicir de Soto Freire, o editor lugués que en 1968 tirou a 2ª edición, desde a súa aparición non deixara de recibir “los más entusiastas plácemes por parte de las personas amantes del país que opinaban se había llevado a cabo con su publicación un pensamiento tan útil como patriótico”. Ademais, malia que, agás dúas leccións de relixión cristiá, só se refería a Galicia (idioma, xeografía, historia, biografías), o libro fora aprobado “para la enseñanza en las escuelas de instrucción primaria”, feito que se fai constar na capa da edición luguesa. Como deixan ás claras as palabras iniciais, Murguía dedicoullo á súa primeira filla Alejandra, que acababa de nacer. Era ela “en quien pienso al escribir este libro” para que aprendese “a amar a esta Galicia infortunada, en donde han nacido tus padres y en donde has visto la primera luz...”. Descoñezo datos da difusión que tivo a obra, mais, de seren certos os motivos que, segundo manifesta, levaran Soto Freire a reeditalo, esta non debeu ser pequena: “a pesar de haber sido adoptado ya por muchos maestros no ha podido este libro prestar en las escuelas el gran servicio a que está llamado”.
Xa nos albores do tempo de que se ocupan estas líneas fíxose ben patente a necesidade urxente de levar o idioma e a cultura galegos ao mundo educativo. Así, A revista Estudios Gallegos, que fundara e dirixira en Madrid o ferrolán Aurelio Ribalta –como xa citei en entregas anteriores–, fixera unha enquisa aberta acerca da introdución do galego na escola. Antón Villar Ponte, na súa sección “Con letra del siete” de La Voz de Galicia, de 8 de xaneiro de 1916, titulada “Al margen de una encuesta”, facíase eco do interese despertado por ese chamamento de Ribalta, recoñecendo que “Nos redimirá la escuela o no nos redimirá nadie”.
Coa creación das Irmandades poucos meses despois deste recoñecemento vai comezar a manifestarse dun xeito serio e decidido a aposta por unha necesaria escola galega. A primeira manifestación nesta liña atopámola no artigo “Pol-as escolas galegas”, asinado por L. de Sergudo, publicado nun dos primeiros números d’A Nosa Terra, o 5, de 25 de decembro de 1916. Pon de manifesto que “Os nenos das nosas aldeas e vilas falan galego: fálano enxebremente, e nos seus beizos de anxeliños é unha música a dozura d’ista nosa fala melosiña. Pro cando chegan a teren seis ou sete anos, á estes nosos neniños ridentes e falangueiros mándannos á escola pra que adeprendan á lér” e alí atópanse con que “Os mestres, que xeneralmente non son da terra, desconecen a nosa fala, dispréciana, aborrécena, e fan que os nenos, que por eles se guian, vayan pouco á pouco esquecéndoa, mirándoa coma un lenguaxe dispreciabre.
Nista mais que en cousa ningunha poñen tino os escolantes; e cóidanse moito de que os malpocadiños nenos non falen nin tan siquera antre eles na lingua que as suas nais lles ensinaron, na bendita lingua da nosa terra.
E os nosos bós neniños de hoxe serán mañán homes que afeitos a ouil-o mestre primeiro, despois escoitando o que din da nosa fala xentes que soilo conecen o galego adulteirado pol-a mistura da pronuncia castelá, coidarán que en verdade a fala da terra gallega é pouco grata, é burda e dispreciabre”. Entendía que “Isto hai que evitalo. Hai que facer porque os nenos que falen galego ao chegaren a escola, sigan nela, […] adeprendendo e perfeizoando a fala propia, lendo os esquirtores e poetas galegos, espertando, en fin, na sua yalma a redentora ideia da persoalidade da raza”. Porque iso non impediría que “estudien e adeprendan o castelán como útil a todo español e moi necesario a quenes cecáis emprenderán viaxe emigratorio a terras americanas”. Para mudar a situación, vía moi necesaria a colaboración dos escolantes: “O mestres nados nesta terra aldraxada e escarnecida de cotio poden e deben pór ao servizo da Pátrea o seu corazón de homes e a sua intelixencia d’encamiñadores da xuventude” así como a dos emigrantes: “E se por encuanto non podemos facer que en todal-as escolas púbricas sexan galegos os mestres, entendo que os bós fillos da Galicia que loitando pol-a vida en terras de alenmar teñen a saudosa lembranza da Pátria befada pol-os que se chaman seus hirmáns, e nela sosteñen escolas, poden facer moito no senso de rexurdimento galego.
O ben de Galicia recrámao. Que os pobos que non teñen un alma desperta, viva, latexante, disparecerán decontado da terra. E a yalma dos pobos é a sua fala”.
No número seguinte, o correspondente ao 5 de xaneiro de 1917, Victoriano Taibo, como é sabido mestre, ademais de destacado poeta, insistía no tema no artigo “A fala no enseño” que no apartado de “Conclusións” se preguntaba, entre outras cousas, se “¿n’é de xustiza pedire, inda mais, esixire, qu’os mestres d’escola en Galicia, sexan gallegos pra poderen darlle o enseño en gallego, sen esquecer o castelán, millor dito, espricando o castelán valéndose do gallego, ós neniños? Estes non adeprenderán eisi ben o que d’outra maneira adeprenden cativamente?”.

O tema do ensino 2 (XCIC)

Te puede interesar