“Paréceme unha barbaridade que a día de hoxe Ferrol non sexa Patrimonio Mundial”

“Paréceme unha barbaridade que a día de hoxe Ferrol non sexa Patrimonio Mundial”
Rosa Méndez concejala de patrimonio histórico y zona rural

Rosa Méndez é experta en Patrimonio e agora dedícase á docencia, que abandonará en setembro, cando remate de examinar ós seus alumnos, para dedicarse en exclusiva ó Concello.

A concellería de Conservación do Patrimonio é nova.
Pelexei por ela. É o meu perfil de moitísimos anos de pensar o patrimonio, en xeral, non só o histórico, senón tamén o da memoria, que non se traballara nunca a nivel do Concello e temos cantidade de xente cunha idade que todo o que leva na cabeza vaise perder. Loitei porque existira esta concellaría que penso que xa debería de ter existido desde hai moitos anos.

Que abrangue?
O patrimonio que todo o mundo coñece, histórico, que está aí e nalgunha medida se foi defendendo nos últimos anos. Aí por exemplo a min paréceme incrible que non exista un Museo da Cidade cando temos os fondos. Pero estamos falando tamén do patrimonio tradicional, bastante esquecido, das construcións da zona rural, por exemplo, de pontes, lavadoiros... Falamos do patrimonio da memoria, que é importantísimo e se está perdendo, da toponimia e incluso do que se di o patrimonio emerxente.

Patrimonio emerxente?
Son os novos bens que a cidade vai acumulando e que sabes que dunha forma ou outra poden chegar a ser patrimonio da cidade. Unha escultura pública que ten certas características ou é dun determinado autor, sabes que cando pasen trinta anos pode formar parte do patrimonio da cidade. Poño o exemplo da escultura de Francisco Leiro na praza de San Amaro. Veu hai moitísimos anos á cidade, en principio ata tivo certo rexeitamento, pero para min é unha das esculturas mellores que ten Ferrol dentro do seu patrimonio. Eu sempre digo que á catedral de Santiago hai que mostrarlle atención pero non me dá tanto medo a súa conservación como a dunha persoa que ten noventa e pico anos, cantidade de recordos da nosa historia, e que sabes que vai desaparecer. Ó mellor tes que facer máis fincapé nese tipo de bens patrimoniais que nos grandes fitos.

Que se vai facer nese sentido?
Eu tiña pensado que os veciños de máis idade poidan contar o que saben e plasmalo nun soporte. E ter todos eses recordos fisicamente... incluso podes facer unha publicación que quede aí como parte da historia da cidade, da historia rural da cidade.

Porque Ferrol tamén é rural.
E por iso foi a segunda concellería na que eu tiña especial interese, a de zona rural, porque entendo que se pode levar doutra forma. A atención ó rural para min é fundamental, os seus veciños teñen que ter os mesmos dereitos e as mesmas posibilidades. Eu nacín na rúa da Igrexa e alí estiven bastantes décadas pero chegou un momento no que tomei a opción do rural e levo vinte anos na zona de Mougá, e aí é cando te das conta de que ti non es igual cidadá alí que na rúa da Igrexa. Iso hai que cambialo.

Que carencias hai?
Pois, por exemplo, non se pode entender que te esteas conectando a internet a menos dun mega de velocidade, cando é simple xestión. Non se pode entender que para arreglar un camiño teñas que estar continuamente encima do concelleiro.

Tamén hai queixas respecto das comunicacións, sobre todo para quen non conduce.
É que transporte público non hai nada. Eu á xente maior véxoa un pouco imposibilitada de facer o que quixera porque non ten cauces para facelo. Unha persoa maior no rural que non conduza é dificílismo que poida un día pola tarde decidir acercarse ata o centro, é imposible. Incluso para ir a actividades culturais ás súas parroquias teñen sempre que contar cun coche propio ou que os leve alguén. Niso hai moito que traballar. De feito nós levamos un plan de transporte que pretende comunicar o rural entre si e coa zona urbana. Pero partimos de cero.

Nas reunións que teñen coas asociacións veciñais, cales son as súas peticións?
Aparece por suposto o tema do saneamento, o mantemento de camiños, apoio para realizar as súas actividades, pídennos  transporte e sobre todo que lles botemos unha man desde os diferentes servizos do Concello para as actividades tanto da súa vida persoal como da súa vida cultural e social. Iso é o que se vai facer nesta concellería, ser a primeira cara que ven os veciños e a partir de aí tentar entrar en tódalas comisións e ir repartindo as diferentes peticións.

Falaba antes do Museo da Cidade, vaise recuperar?
Iso vai no programa. Eu loitarei ata o minuto último destes catros anos para que esta cidade teña un museo.

En que sitio?
Esa é a única cousa que teño pendente, cal sería o mellor lugar. Porque temos os fondos, por certo algúns deteriorados, e temos lugares físicos. Non ten sentido, é anacrónico, que Ferrol non teña un museo que estea representando a historia da cidade, que vai moito máis alá do aspecto artístico. Aquí temos o tema arqueolóxico completamente abandonado. Por exemplo na zona de Mougá, no monte Campaíñas, hai unha serie de mámoas que non existen nesa concentración en toda a comarca. En principio iso hai que sinalizalo, que a xente cando vai por aí saiba o que hai. Porque Ferrol é moito máis que do século XVIII para aquí.

E o Patrimonio da Humanidade tamén cae dentro desta concellaría.
Estamos retrotraéndonos a tempos do alcalde Xaime Bello, que foi quen empezou. A min paréceme unha barbaridade que a día de hoxe Ferrol non teña Patrimonio da Humanidade. Algo fallou.

É viable?
Onte declarouse Patrimonio da Humanidade o Camiño do Norte, a muralla de Lugo foi posterior a nós, en Oporto foi rapidísimo. Entón aquí algo pasa ou pasou que a min se me escapa porque todavía non vin tódolos papeis. Teño que pensar que hai algo que non se fixo ben. Non podemos pasar 16 anos esperando por algo e que non saia. Vou tentar darlle un xiro a esta empresa que se levou a cabo porque  unha de dúas: ou non somos merecentes de ser declarados Patrimonio da Humanidade ou non se deron os pasos que se tiñan que dar.

Somos merecentes?
Eu penso que todo o tema dos arsenais é algo moi específico e que non encontramos en moitos lugares e o valor artístico e histórico que teñen si deberían ser merecentes de ser declarados Patrimonio da Humanidade. Parto da base dunha cidadá máis que ve que se gastaron neste tema máis dun millón de euros e isto non saiu. Algo pasou.

Está ese patrimonio á disposición da cidadanía?
Limitacións, evidentemente, hai. Moita xente de Ferrol non entrou nunca no Arsenal, non ten a visión da cidade desde ese lugar e quedan sorprendidos. Ferrol sempre viviu de espaldas ó que hai aí dentro, ou aí fóra. Sinceiramente penso que o muro non debería existir, é como unha man que te están poñendo diante para indicar que ata aí se pode chegar. Estamos todavía neste tema como hai corenta anos, e non ten sentido. Téñoo clarísimo, ese muro ten que desaparecer e non ten que abrirse a cidade ó mar se cae o muro, pero ten que correr o aire. Tamén hai a teoría dos que defenden que forma parte dos estaleiros pero aí, entre os cidadáns e o patrimonio histórico, eu sons dos cidadáns, ningún fito patrimonial ten que pasar por enriba da vida das persoas. Penso que Ferrol ten que abrirse por pura hixiene histórica e mental, e que corra o aire.

“Paréceme unha barbaridade que a día de hoxe Ferrol non sexa Patrimonio Mundial”

Te puede interesar