Chema Hernández: “Se trasladamos a nosa ilusión non temos límite”

Chema Hernández: “Se trasladamos a nosa ilusión non temos límite”
Marea Ártabra presenta a su candidato después de las Primarias

José María Hernández Roca será o candidato da Marea Ártabra ás eleccións municipais. A lista seguirá con Lucía Vizoso, Ismael González, María Isasi, Fernando Ramos e Begoña Hermida. Outras sete persoas que se presentaron chegan ata o número 13 e nos vindeiros días completarase a candidatura cos 28 postos precisos que, “están garantizados”, aseguran.
A elección do candidato saíu dunhas Primarias que se celebraron o venres e nas que houbo 90 votos dun censo total dunhas 250 persoas. Para César Manso, un dos portavoces, o sucedido foi “extraordinario” e fixo un símil coas mareas de récord que se están rexistrando estes días nas praias. “Estamos moi satisfeitos do resultado e sobre todo do ambiente de camaradería que se viviu”, comentou. Aseguran que noutras cidades en que a participación nestes procesos foi maior debeuse a que se abriron as urnas durante toda a fin de semana e a que se permitiu o voto telemático e non só presencial.
“As Primarias foron un momento moi emotivo”, afirmou o candidato á Alcaldía, Chema Hernández. Respecto ás súas expectativas, asegurou que “se a ilusión que temos a trasladamos á cidadanía, non hai límites” e confiou en que “segundo o proxecto vaia callando pegaremos un tirón importante”. Afirma que a súa “é unha candidatura municipalista que vai máis alá da oposición entre dereita e esquerda e podemos sacar votos de todo o espectro cidadán”.
Respecto da marcha de EU da Marea dixo que “o que pasou, pasado está” e explicou que as discrepancias tiveron que ver con “diferentes maneiras de entender a democracia interna dos partidos. Nós temos outro modelo e se o transmitimos ben é moi potente”.
O programa concretarano distintas comisións e definirase tamén con reunións con entidades sociais da cidade. O seu modelo pasa por “impedir a drenaxe da emigración” desenvolvendo “as fortalezas que ten Ferrol de por si” e apoiando a economía local e proxectos que involucren a Universidade e empresas. A banca ética ou un desenvolvemento urbano baseado na rehabilitación e non na nova construción foron outras das ideas avanzadas.
César Manso márcase como obxectivo “botar ó PP” do goberno de Ferrol “porque cremos que están facendo unha xestión nefasta” e asegurou que non atacarán a ningunha outra forza, en referencia á coalición de EU, Anova e Podemos en Ferrol en Común. “Os que terán que explicarse serán eles. Nós sometémonos a un proceso de Primarias puras e ningún dos candidatos tivo medo do resultado”.
Fernando Ramos, de EU, vai na lista da Marea Ártabra de número 5 pero di non querer polemizar con este feito. “Os culebróns das tres da tarde para quen lle gusten”, afirmou nunha rolda de prensa conxunta en Sargadelos. “Sigo sendo afiliado de EU, que en toda Galicia apostou polas Mareas. En Ferrol tamén ten que valer”.

Chema Hernández: “Se trasladamos a nosa ilusión non temos límite”

Te puede interesar