“Din que me parezo fisicamente e no meu carácter ao director americano”

“Din que me parezo fisicamente e no meu carácter ao director americano”
Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-98836766

Probablemente Marián Bañobre non é unha profeta na súa terra. Esta actriz ferrolá, que leva dous premios María Casares as súas costas e unha traxectoria nos grupos teatrais máis importantes do país, trae mañá ao Teatro Jofre (20.00 horas) “A filla de Woody Allen”, un espectáculo da súa compañía Ibuprofeno que ten xa catro anos e que nunca antes viñera a Ferrol. A propia Bañobre confía en que sexa o comezo dun cambio de tendencia coa súa cidade. Quizais o seu quinto mes de embarazo axude a isto.

Que clase de espectáculo é “A filla de Woody Allen”?.
Máis que dun monólogo, nós falamos dun “só” de teatro. Trátase dunha obra de Santiago Cortegoso que entra no universo de Woody Allen. Conta a historia dunha muller que non coñece a seu pai e que vai a Nova York para facelo. O espectador sabe quen é o seu pai, o título da obra está aí, pero ela só ten pistas a través de regalos que lle foi facendo el ao longo do tempo. Aínda que é unha homenaxe a Allen, e un traballo que establece unha grande complicidade co espectador e fala da necesidade da busca da nosa felicidade.

Como xorde a obra?
Santiago Cortegoso sempre dicía que me parecía fisicamente a Woody Allen e tamén no carácter, coas miñas “neuras” e paranoias. De aí parte a idea, pero logo hai un traballo de ver as películas de Allen, investigar o seu mundo e facerlle unha homenaxe. Interesounos a súa linguaxe, a capacidade de darlle a volta a todo tipo de temas. Iso si, deixando de lado a súa vida persoal.

A obra xa ten catro anos. Con esa traxectoria o público a recibiría ben, non?
Estupendamente, de feito queremos saír para o ano fóra de Galicia e incluso a Sudamérica. A obra é unha comedia que ten desde “slapstick” ata baile, pero tamén un toque de melodrama e a xente vive moitas emocións. Cada escena ten un código de seu.

Como comezou vostede no mundo do teatro?
Nun taller que organizou o Concello de Ferrol e que impartía o actor Andrés Pazos, o protagonista de “Whisky”. Eu tiña 13 anos pero xa me enganchei. Coincidín coa xente de Bartoleta Teatro e Paulo Serantes. Recordo que fixeramos “O enfermo imaxinario”, de Molière, no Jofre.

Desde entón fixo vostede un pouco de todo.
Certamente. Pasei por Casahamlet, Teatro de Ningures, Centro Dramático Galego ou Teatro do Morcego, entre outras compañías, ou o Festiclown. Fundei coa actriz Isabel Risco Maquinaria Pesada, e con Ibuprofeno levamos xa dúas obras. Coa anterior, “Pequenos actos pseudorrevolucionarios” déronme o ano pasado o meu segundo María Casares. No audiovisual traballei en “Air Galicia”, “Escoba”, “O Nordés” ou no filme “Pradolongo”.

O seu estado de boa esperanza vaina retirar axiña dos escenarios?
“A filla de Woody Allen” vai a Ferrol e logo paro unha temporada, pero os dous últimos meses de embarazo, en xuño e xullo, farei unha micro comedia de 15 minutos sobre a excepcionalidade física: “Vultos”.

“Din que me parezo fisicamente e no meu carácter ao director americano”

Te puede interesar